Todo listo para abrir o desdobramento da avenida de Vigo o mércores

270

Os concelleiros delegados da área urbana Luís Bará, Carmen Fouces e Alberto Oubiña, acompañados da concelleira Pilar Comesaña visitaron esta mañá as obras do desdobramento da avenida de Vigo, e todas as melloras aparelladas a esta nova vía, para comprobar que todo está listo para que se abra provisionalmente este mércores.

Segundo explicou Luís Bará, a apertura é provisional porque aínda falta a capa de rodadura definitiva, e o pintado da sinalización horizontal, así como o pintado do paseo peonil e ciclista que terá unha cor próxima ao ocre.

A apertura do viario é preciso para continuar coas obras de urbanización da avenida de Vigo, onde se fixeron as beirarrúas da parte esquerda, pero para iniciar a marxe dereita é preciso pechar un carril de circulación, e deixar aberto ao tráfico só un en dirección saída da cidade.

Ademais, o mesmo mércores estará aberto para os conductores o novo estacionamento disuasorio próximo ao instituto Torrente Ballester, que paliará a perda de estacionamentos na rúa por estas obras.

O concelleiro confirmou que as obras van a moi bo ritmo, en parte debido ao bo tempo que acompañou durante todos estes meses. Aínda que estaba previsto que a obra rematase no mes de novembro, os técnicos e as empresas estiman que poderán estar rematadas no mes de setembro.