Benestar Social garante alimentos no verán a todos os menores que o precisen

177

A Concellaría de Benestar Social Municipal volve a pór en marcha este verán -nos meses de xullo e agosto- o programa de atención a todos os menores que precisan apoio para os alimentos.

Terán acceso a este programa os nenos becados nos comedores escolares, os becados nos Servizos Sociais Municipais e tamén os nenos das familias que pediron Axudas de Emerxencia. Segundo as estimacións municipais serán arredor de 90 familias as que terán acceso a este programa (un número similar ao do ano pasado), aínda que os servizos municipais están traballando para pechar o número de familias.

O programa contempla a entrega dunha compra semanal a todas estas familias a través dun supermercado da cidade. As compras daranse en función do número de membros da familia e incluirá produtos frescos e de primeira necesidade.

Dende a Concellaría de Benestar Social Municipal quere ter a garantía de que estes nenos poidan comer nas súas casas cos seus pais e irmáns, sen ter que se desprazar a ningures.

Ademais, tamén se lles fará entrega dalgún material escolar e dalgunha publicación para actividades de verán de reforzo -como fan a maior parte dos nenos no verán-, así como algún libro de lectura que poderán escoller eles mesmos.

Os nenos que acudan ás ludotecas e as súas familias son usuarias de Servizos Sociais, tamén recibirán beca de comedor durante o período que estean nas ludotecas.