O Concello inicia a campaña de roza en máis de 160 km de vías rurais

52

O Concello de Pontevedra inicia a vindeira semana o seu plan de rozas en 160 quilómetros de vías no rural logo do remate da primavera. O concelleiro delegado do rural, Demetrio Gómez explicou que o obxectivo é traballar en todas as vías con máis uso, tamén en aquelas que unen as parroquias, e en todos os camiños pavimentados e con convivencia de tráficos. A estes traballos sumaráselles as limpezas e mantemento habitual dos torreiros das festas agora que chega o verán.
As vías con máis uso son aquelas perimetrais da cidade que acceden ás parroquias polo que as primeiras nas que se actuará son: Marcón-Pedra do Lagarto; Camposanto; a subida ao Príncipe Felipe; dende Santa María de Xeve á estrada de Ourense; o ámbito de Valdecorvos (a rúa do Costado e perimetrais), e as entradas a Monte Porreiro.

Estas son as primeiras nas que se traballará dende o vindeiro luns.

En segundo lugar traballarase nas vías principais das parroquias e en aquelas que unen núcleos parroquiais. Son arredor de 160 quilómetros de vías, e comezarase por Bora para continuar por Marcón, Tomeza, Salcedo, Lourizán, Mourente, Campañó, Alba, Cerponzóns, Lérez, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, e Verducido.

Unha vez que se conclúan estas vías, comezarase polas vías da parroquia que están pavimentadas e que teñen convivencia de tráficos.

Ademais, estes traballos compaxinaranse coa limpeza e mantemento dos torreiros das festas en cada parroquia, nas vésperas de celebrarse as festas parroquiais.

O procedemento de traballo será o seguinte: serán dúas brigadas as que traballarán na limpeza. Unha será unha empresa contratada con dous tractores e dúas persoas que recollerán o que queda nas beiravías, e limparán tamén as cunetas. A continuación unha brigada municipal será a encargada de facer os traballos máis miúdos de recollida e limpeza final.

Estes traballos prolongaranse durante todo o verán, e o obxectivo é que teñen unha duración dun ano, aproximadamente. O custe global desta acción é duns 100.000 euros.