O Principal cambia de imaxe e recupera a do século XIX

126

O Teatro Principal vai cambiando pouco a pouco a súa estética. O concelleiro responsábel de Obras, Luís Bará visitou esta mañá os traballos “que xa están moi avanzados”, xunto aos técnicos municipais que dirixen esta obra, así como o responsábel técnico da empresa que fai esta restauración.

            Luís Bará explicou que o arranxo do Teatro Principal busca resolver dous problemas: un funcional, o das humidades, e outro estético e histórico, de recuperar a imaxe que tiña o Principal cando se construíu. Sobre as humidades, Luís Bará indicou que “había problemas tanto na cuberta como nas paredes das fachadas que producían danos nos muros e nas paredes interiores das oficinas”. Polo tanto, a obra consistiu na reparación da cuberta para evitar humidades e tamén traballos de limpeza de enfoscado dos muros das paredes laterais, que sería o ámbito estético e histórico.

            Luís Bará indicou que se trata dun “cambio importante que chama a atención” porque se cobren dalgúns panos das tres fachadas do edificio por un morteiro de cal, que responde a dúas intencións: histórica, porque orixinalmente o edificio era así, as fotos antigas que amosan como estaban tanto o edificio do Principal como o do Casino. “É a orixe histórica e responde a pauta construtiva e arquitectónica do século XIX”, indicaba o concelleiro quen lembra que tamén teñen este aspecto o edificio da Casa Consistorial ou o Palacete das Mendoza. Os panos de menos calidade cóbrense con morteiro de cal para protexer os muros desa humidade.

            “Agora estamos en fase avanzada. Empezan a verse os resultados. A cuberta xa está rematada e vaise pasar á fachada principal en dúas semanas”, explicaba Luís Bará, quen anunciou que a continuación se continuará na rúa Tetuán. O obxectivo é que a obra poida estar rematada no mes de xullo, “e lucir un novo aspecto no para as festas”.

            O orzamento das obras ronda os 106.000 euros, e “era evidente que o Teatro Principal precisaba unha posta a punto das paredes porque estaban moi sucias”. Agora tamén se limparán e tratarán as paredes do interior, que estaban moi afectadas por esta humidade.

         Apuntamento histórico

            O terreo que agora ocupa o Teatro Principal, situado en pleno centro histórico da cidade, ao longo do tempo sufriu varias transformacións en canto a súa funcionalidade, mantendo sempre o seu uso como equipamento para os cidadáns, polo menos desde finais do século XIII. Desta época data a primeira construción, a igrexa parroquial de San Bartolomé o Vello.

            Logo duns séculos de crecemento e bonanza para Pontevedra, no XVIII, a situación da cidade cambiará radicalmente, a perda dos bancos de pesca, en especial da sardiña, o cegado de ría e a perda do porto, engadindo guerras, pestes e a emigración das familias nobres deixaron a Pontevedra abandonada á súa sorte. En 1759 o goberno da súa maxestade dispuxo que, por atoparse a parroquia de San Bartolomé ameazada de ruína, fose trasladado o culto á igrexa da Compañía e que se procedese a edificar casas con renda cuxos beneficios fosen para a parroquia.

            Tras unha dura oposición popular a esta formulación, no ano 1842, ante a ameaza de ruína que presentaba o edificio, decídese o seu derrubo, quedando do vello templo só unha portada reconstruída nas Ruínas de Santo Domingo.

            O solar, despois do derrubo, foi empregado como praza, a Praza de Tetuán. En 1864 empézanse as obras do edificio para a Sociedade do Liceo Casino con teatro anexo, coñecido posteriormente como Teatro Principal. O autor do proxecto do Liceo Casino foi o arquitecto Domingo Lareu; e do Teatro Principal o arquitecto Faustino Flores. A súa inauguración tivo lugar o 2 de agosto de 1878.

            A fachada do Teatro Principal, nun principio, só era utilizada para a carga e descarga de material do escenario, debido que o Teatro era de uso exclusivo para os socios do Liceo. A entrada ao Teatro realizábase desde o Casino, sendo a fachada actual a pechadura posterior do escenario. Con todo ao quedar esta á vista, seguiuse coa liña das fachadas laterais do edificio.

            O Teatro Principal acolle en abril de 1900 a primeira proxección cinematográfica de Pontevedra, e en decembro do mesmo ano a primeira audición de fonógrafo con bocina.

            A aparición das salas de cine en Pontevedra, o cine Vitoria no 1943, o teatro Malvar no 1948 e o posterior Gónviz en 1970, delegaron ao Teatro Principal a un segundo plano, converténdose primeiro nun cine económico e posteriormente nun cine de variedades.

            O 14 de abril de 1980 un incendio producido por un curtocircuíto na sala do bingo do Liceo esténdese por todo o edificio destruíndo tamén o Teatro Principal. Soamente mantivéronse en pé os muros das paredes mestras. O 22 de agosto de 1983 o Concello adquiriu as ruínas do Teatro, e o 9 de xaneiro de 1984 convócase un concurso público para a súa reconstrución.

            O edificio actual, inaugurado en xaneiro de 1997, é obra do arquitecto José Miyer Caridade, que gañou o concurso do anteproxecto.

            Bo día, Gabinete de Comunicación