O Concello pregunta á Xunta se pode seguir exercendo as competencias en Educación

101

O Concello de Pontevedra acaba de enviar á Xunta de Galicia unha solicitude de información sobre a posibilidade de exercer as competencias de Educación, debido a que a recente Lei de medidas urxentes 5/2014 do 27 de maio, que prohíbe ás administracións locais o exercicio de calquera competencia en Educación, salvo o mantemento dos centros de ensino de primaria. Coa lei na man, o Concello non poderá prorrogar os convenios que mantén coa Fampa de 206.000 euros para a organización dos comedores escolares, ou o de 55.000 euros das ludotecas de verán e Nadal; así como os convenios coas Anpas dos centros de ensino de 25.000 euros cos que organizan, maioritariamente, as actividades extraescolares.

A concelleira de Educación, Carmen Fouces explicou esta mañá que o Concello dispón dos cartos para subvencionar estas actividades, ten a vontade de facelo, e os centros de ensino e as asociacións de pais e nais teñen a necesidade destas contías, “pero temos que ter a autorización oficial da Secretaría Xeral da Administración Local que nos autorice a colaborar coas Fanpas”. Os servizos técnicos municipais -tantos os de xestión orzamentaria como os de Educación- xa emitiron informes contrarios á subvención destas actividades por non ser competencias da administración local.

Carmen Fouces explicou que a Xunta dispón de 3 meses para contestar, e confía en que poida facelo antes dese prazo, dado que a subvención coas Anpas xa sería preciso renovala para o vindeiro cursos. No caso das Fampas aínda está vixente para o ano 2015.

Solicitude de información para exercer competencias Educación