A Comisión de Urbanismo recibe toda a documentación e os expedientes máis importantes do servizo

160

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a primeira Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente presidida pola concelleira e tenente de alcalde, Carme da Silva. Segundo explicou ao seu remate, na reunión abordáronse asuntos de organización da propia comisión, así como algúns outros asuntos de licenzas solicitados por particulares.

Carme da Silva explicou que a Comisión acordou traballar con dúas premisas: dar a maior axilidade aos expedientes dos veciños e tamén a máxima transparencia.

A maior celeridade aos expedientes particulares conseguese sendo aprobados nesta comisión e tamén na Xunta de Goberno Local. É dicir, aqueles asuntos que non vaian na orde do día da Comisión do martes, non esperarán até o seguinte martes (dentro de dúas semanas) para ser aprobados, poderá facelo a Xunta de Goberno, así os cidadáns terán que esperar menos por las resolucións do Concello.

Ademais na reunión tamén se presentou aos altos funcionarios responsables da área de Urbanismo a todos os grupos participantes na Comisión e se acordou darlles documentación para necesaria para saber como funciona o servizo e para ter cumprida información dos asuntos máis importantes da Concellaría: texto refundido da lexislación urbanística, lei do territorio, Peprica, modificacións máis relevantes do Plan Xeral, e o novo Plan Xeral.

Tamén se acordou que todos os grupos poidan introducir temas a tratar na Comisión, pero se lles solicitou que lles comuniquen á secretaria da Comisión con tempo por se fose preciso elaborar informes ao respecto.