O Concello de Pontevedra e a Fundación Bautista Álvarez presentan a mostra ‘A Nación galega en pé”

101

En 2014 cumpríronse 50 anos da fundación da Unión do Povo Galego (1964), reiniciando o traballo político clandestino en plena ditadura e tras a liquidación das organizacións previas, como o Partido Galeguista. Con este motivo a Fundación Bautista Álvarez e a Agrupación Cultural O Galo decidiron promover unha mostra sobre os inicios do proceso de restauración nacional de Galiza. A exposición, baixo o nome ‘A Nación galega en pé. 50 anos da fundación da Unión do Povo galego’ inaugurarase este martes 30 de xuño ás 20.30h no Pazo da Cultura de Pontevedra. O acto contará coa presenza do Alcalde da Cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, da Secretaria-Directora da Fundación Bautista Álvarez, María Pilar García Negro, e a presidenta da Agrupación Cultural “O Galo”, María Antonia Pérez que é tamén a comisaria da exposición.

 Conforman a mostra oito paneis e oito expositores con imaxes e documentos orixinais mediante os que se poderá coñecer o desenvolvemento organizativo e o compromiso da das organizacións sociais nacionalistas cos intereses do pobo galego. Nela ollaranse fotos, audiovisuais, carteis, revistas, libros e publicacións varias que achegarán ao visitante aos primeiros anos de dita organización, a súa total implicación nas loitas contra a ditadura franquista así como outras moitas loitas sociais de fins dos setenta e comezos dos oitenta, como a loita contra a cota da seguridade social agraria ou a loita contra o intento de instalar unha central nuclear en Xove.

 Tamén se poderá coñecer a través dos documentos e imaxes as relacións internacionais, a aposta por un sindicalismo de clase e non pactista, os seus combates pola defensa dos dereitos das mulleres, da identidade nacional, cultura e lingua. Igualmente estará presente nesta mostra conmemorativa, o temperán compromiso deste movemento coa salvagarda e explotación sostíbel do noso ecosistema (xestión de terras, contra os encoros, denunciado os lumes nos montes, etc.) e os pasos da súa actividade político-social (rexeitamento á entrada no Mercado Común Europeo, aos pactos da Moncloa, etc.) a prol das xentes mais desfavorecidas de Galiza. En resumo un repaso ás loitas que o conxunto dun povo consciente iniciou hai cincuenta anos no noso país.

A entrada á mostra será de balde e poderá visitarse ata o 23 de xullo de 2015 no horario habitual do Pazo da Cultura de Pontevedra. Así mesmo, a Fundación Bautista Álvarez e Agrupación Cultural O Galo, procurarán facilitar gratuitamente persoal para explicar a exposición a todos aqueles colectivos, asociacións ou pequenos grupos que lles soliciten realizar visitas guiadas.