Salcedo empeza a conformar o seu núcleo de centralidade parroquial

122

A parroquia de Saldedo comeza a conformar o seu núcleo de centralidade parroquia na contorna da igrexa. Así o certificaron hoxe o Concello de Pontevedra e a comunidade de montes de Salcedo nunha rolda de prensa conxunta celebrada na sede municipal na que os comuneiros confirmaban a cesión duns 3.000 metros cadrados para a creación dun espazo común onde estarán a futura casa da cultura -en construcción- un campo de petanca, outro de chave, o parque infantil e un parque biosaudábel.

O anteproxecto elaborado pola oficina de arquitectura municipal contempla retranquear o viario actual para reordenar todo o espazo. Este movemento permitirá crear unha praza diante da entrada ao cemiterio parroquial especialmente útil en xornadas tan sinaladas como o Día de Difuntos. Tamén se creará un paso de peóns elevado para garantir a seguranza viaria en todo este ámbito.

Ao seu carón está a Casa da Cultura -na actualidade en construcción-, que se complementará cun espazo que se urbanizará creando un patio de butacas ao aire libre que terá cabida para máis de 700 persoas, se fose o caso.

Ademais, todo este ámbito complétase cun parque infantil e unha pista de petanca, xa instaladas pola comunidade de montes, e que se complementarán cun parque biosaudábel e unha pista de chave que pretende crear o Concello para completar este núcleo de centralidade parroquia que terá as características dunha zona plenamente urbana cos deseños e calidades urbanos, pero adaptados ao un núcleo rural como xa se realizou  noutros ámbitos como en Cabaleiro, na parroquia de Campañó.

O anteproxecto xa está definido, e o acordo entre o Concello e os comuneiros para a cesión dos terreos precisos tamén. Os técnicos municipais poderán ter rematado o proxecto neste mes de xullo, e comezar as obras logo de verán, unha vez adxudicado.