Máis de 72.000 euros en novas obras de saneamento, abastecemento e canalización de pluviais na cidade

88

O Concello de Pontevedra iniciará nos próximos días distintas obras para a canalización de augas pluviais, a instalación da rede de saneamento e completar a de abastecemento en distintas rúas da cidade.

Na rúa Xan Guillerme acometerase a instalación da rede de augas pluviais, unha vez que está rematada a urbanización da rúa Xofre de Tenorio. O orzamento desta instalación é de 25.749 euros.

Tamén se iniciarán as obras para a instalación da rede de sumidoiros e canalización de augas pluviais na Parda por un valor de 47.274 euros, ao que haberá que sumar a petición dos veciños de instalar, tamén, a rede de abastecemento de auga potábel. Aínda que esta parte está por valorar, o concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González Carballo manifestou que era unha demanda veciñal que poderá ser atendida neste proxecto.

Ademais, esta mesma semana rematan os traballos de canalización da rede de saneamento na rúa Augusto García Sánchez co asfaltado do tramo de rúa que se viu afectado por esta obra.