A primeira “nova” fachada do Teatro Principal déixase ver

159

As obras de restauración das fachadas do Teatro Principal empezan a deixarse ver. Na xornada de hoxe comézase a retirar o andamio da fachada sur, polo que xa se poden apreciar os panos brancos que tiña o edificio no século XIX.

Tal e como explicou o concelleiro de Patrimonio Hisstórico, Luís Bará nunha recente visita a estas obras, o arranxo do Teatro Principal busca resolver dous problemas: un funcional, o das humidades, e outro estético e histórico, de recuperar a imaxe que tiña cando se construíu. Sobre as humidades, Luís Bará indicou que “había problemas tanto na cuberta como nas paredes das fachadas que producían danos nos muros e nas paredes interiores das oficinas”. Polo tanto, a obra consistiu na reparación da cuberta para evitar humidades e tamén traballos de limpeza de enfoscado dos muros das paredes laterais, que sería o ámbito estético e histórico.

Luís Bará indicou que se trata dun “cambio importante que chama a atención” porque se cobren dalgúns panos das tres fachadas do edificio por un morteiro de cal, que responde a unha razón histórica, porque orixinalmente o edificio era así, as fotos antigas amosan como estaban tanto o edificio do Principal como o do Casino. “É a orixe histórica e responde a pauta construtiva e arquitectónica do século XIX”, indicaba o concelleiro quen lembra que tamén teñen este aspecto o edificio da Casa Consistorial ou o Palacete das Mendoza. Os panos de menos calidade cóbrense con morteiro de cal para protexer os muros desa humidade.

O orzamento das obras ronda os 106.000 euros.