O Concello recibirá a urbanización de Tafisa, con ou sen a anuencia da promotora

139

O Concello de Pontevedra abrirá nas vindeiras semanas a urbanización da antiga Tafisa. A concelleira de Urbanismo e Ordenación do Territorio, Carme da Silva explicou que todos os informes municipais son favorables para a súa recepción e instouse á empresa a fixar unha data para entregar a urbanización. Ante o silencio da promotora, o Concello enviou esta semana un requerimento á empresa fixando día e hora para recibir esa urbanización. De non ser atendido por parte da empresa, o Concello considerará recibida a urbanización de oficio e sacará os valados para que os cidadáns poidan gozar dos novos espazos da cidade.

Carme da Silva indicou que “é importante para a cidade que se abra esta zona, porque todos os traballos de mantemento xa están rematados e o Concello xa ten incluído no novo prego de xardíns o mantemento destas zonas”. Ademais, enviarase un requerimento aos privados para que manteñan os predios en perfectas condicións de limpeza.