Importantes labores de mantemento melloran os Xardíns de Marescot en Belas Artes

176

O concelleiro coordinador da área urbana e responsábel de Parques e Xardíns, Luís Bará visitou esta mañá os traballos de mantemento e recuperación que se realizaron por parte do departamento de Parques e Xardíns nos xardíns de Marescot, diante de Belas Artes e do ambulatorio Virxe Peregrina. Neste ámbito realizouse un importante labor de reposición de árbores, plantas e céspede, así como de todo o sistema de rego automático que estaba danado.

Fíxose unha limpeza dos exemplares máis valiosos: palmeiras e camelias, e arranxouse todo o rego da zona que estaba danado, e estendeuse a todo o xardín para que estea ben cuberto.

Tamén se retirou material de solo de mala calidade e xabre, e fíxose unha achega de terra de boa calidade (máis de 150 metros cúbicos) para mellorar a vida das plantacións do xardín.

Elaboráronse setos con distintas especies que permiten dirixir os pasos das persoas e evitar que pisen as zonas verdes, e tamén se cubriu con tepe unha superficie de máis de 1.000 metros cadrados na contorna.

Tamén se traballou na iluminación do parque, correxindo a situación dos farois que estaban preto da estatua de Quiroga -afeábanna-, e a condicionando o camiño de pedra onde se atopa a estatua para mellorar o seu entorno.

No camiño ao ambulatorio plantáronse rododendros e camelias.

Aínda que os traballos están case conclusos, está pendente de plantar un exemplar de porte que substitúa ao cedro que se talou hai uns anos debido a que estaba morto e supoñía un perigo para os viandantes. A intervención rematará co resementado dalgunhas zonas e o pintado dos farois de iluminación pública.