Contacto cos veciños do Gorgullón para recoller suxestións para mellorar o barrio

199

Os concelleiros Luís Bará, Alberto Oubiña, Carmen Fouces e Pilar Comesaña protagonizaron onte pola tarde unha reunión no parque dos Gafos, xunto ao Muíño do Coto,  na que recolleron as suxestións dos veciños que se achegaron á zona sobre como mellorar o seu barrio, singularmente o ámbito de Eduardo Pondal, a rúa Gorgullón, Otero Pedraio e o parque do Gafos.

Completar o mobiliario urbano, o control no uso dos espazos públicos, mellorar as zonas de xogo infantil foron algunhas das propostas veciñais ás que se lles sumou a información achegada polos concelleiros da próxima reforma da rúa Gorgullón para mellorar a entrada á cidade a través do Camiño de Santiago, así como o propósito do Goberno Local de conectar a senda do Gafos con Otero Pedraio recuperando a ponte do Couto.

Esta reunión está incluída dentro da ronda de contactos que o Concello iniciou en distintos barrios da cidade para coñecer as ideas e suxestións dos veciños, pero tamén para presentarlles os proxectos de futuro do Concello. A primeira foi na rúa Loureiro Crespo para presentar o proxecto de construción da praza do Hospital, e a segunda no Gafos.