Volvamos a encender a luz da Casa da Luz!

187

“Queremos volver a encender a luz da Casa da Luz”. Con esta máxima, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Anabel Gulías presentaba esta mañá a nova imaxe da Casa da Luz, que ademais de seguir sendo o lugar de recepción de visitantes da cidade tamén se convertirá nun punto de desenvolvemento de actividade ecónomica, de vida asociativa, de encontro de asociacións e entidades públicas e privadas da cidade para que poidan desenvolver actividades que  benefician á cidade.

Para Anabel Gulías “é básico recuperar o contacto con Pontevedra”, por iso será importantísimo nestas novas relacións a colaboración co Centro Comercial Aberto-Zona Monumental, así como a Universidade de Vigo ao ser un dos actores fundamentais na creación de emprego na cidade.

Na presentación desta nova imaxe, a concelleira de Promoción Ecónomica estivo acompañada tanto da xerente de Zona Monumental como do vicerreitor do Campus de Pontevedra, pero tamén de dúas das promotoras do espazo coworking Arroelo e do responsabel do Garaxe Hermético, que serán as primeiras empresas en empregar este novo espazo de actividade empresarial que é a Casa da Luz.

O obxectivo desta nova andaina da Concellaría de Promoción Económica é apostar polo emprendedurismo social, por aquelas empresas que xeran beneficio persoal tamén pensen no emprego social e sostíbel. Ademais, plasmará nunha carta de servizos todos os contidos da Casa da Luz, dende o servizo de asesoramento a empresas e emprendedores até o punto de información de empresas, entre outros.

Arroelo celebrará este vernes, 21 de xullo, ás 09.30 horas unha xornada de creatividade para buscar políticas de emprego aberto a todo aquel que se queira achegar. O Garaxe Hermético inaugurará o xoves, ás 20.00 horas a exposición dos traballos dos seus primeiros graduados. A exposición amosará todo o proceso de creación do proxecto de fin de curso que é unha banda deseñada elaborada por 80 persoas simultaneamente.

Ademais de completar os seus contidos, a Casa da Luz cambiou de imaxe para poder cumplimentar ben este cambio.

Presentación da nova imaxe da Casa da LuzNa parte baixa -a Sala dos Bolechas- créase un espazo para facer presentacións, conferencias, cursiños… con todos os equipos precisos para eventos destas características. A entrada é a peceira, que seguirá sendo lugar de recepción de visitantes pero tamén espazo expositivo. A primeira planta está ocupada polo servizo de Promoción Económica, e o último piso -o fallado da Luz- é unha pequena sala de reunións que poden solicitar todas aquelas entidades que o desexen.