O Concello emprega a 17 perceptores de Risga nas brigadas de xardíns, obras e cemiterios

126

A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces presentou esta mañá ao grupo de persoas perceptoras de Risga (Renta de inserción social de Galicia) que están a traballar na brigada de xardíns até o vindeiro mes de decembro. Segundo explicou Carmen Fouces o Concello ten contratadas a 17 persoas perceptores de Risga que están distribuídas nas brigadas de xardíns, obras e cemiterios. Os seus contratos son de sete meses e traballan o 75% da xornada laboral -xeralmente de luns a xoves en xornada de oito horas-.

A maior parte destas persoas teñen cargas familiares importantes, son xente nova e estas contratacións -subvencionadas pola Xunta- son unha oportunidade para normalizar a súa vida. Segundo a concelleira de Benestar, “parece que esta é a mellor maneira de incluír: coller a un grupo de Risga con proxecto laboral e perfil para entrar no mercado laboral, poidan acceder a un posto de traballo remunerado para cubrir as súas necesidades básicas”.

A concelleira adiantou que “sabemos que temos uns límites, e que non podemos empregar ao 100% dos perceptores de Risga, pero con este tipo de programas podemos incluír a persoas a través dun contrato”.

Carmen Fouces recordou que este programa xurdiu da Xunta de Galicia a raíz dun enfrontamento moi forte no Parlamento entre o Goberno e a oposición no que o Concello de Pontevedra achegou todos os datos da situación precaria que vivían os perceptores de Risgas en Galicia. A situación levou á conselleira de Benestar Social a recapacitar e crear estes programas.

A brigada de xardíns, integrada maioritariamente por mulleres, é un grupo cohesionado e disciplinado que está a adecentar pequenos recunchos da cidade como as xardineiras de Santa María, o Campiño ou as zonas verdes de San Roque.