O Concello reordena o estacionamento no ámbito do Mercado de Abastos

222

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana traballos no ámbito do Mercado de Abastos para reordenar o estacionamento neste ámbito. Trátase de mellorar a zona de aparcamento situada detrás da praza, na avenida de Uruguai, e tamén complementar esta medida con zonas de estacionamento de servizos tanto na rúa Serra como na mesma avenida.

Na traseira do Mercado estase a reordenar o estacionamento para para crear 13 prazas de aparcamento de carga e descarga das cales 8 serán en batería e o resto en liña. Con esta actuación, que xa se está a realizar, trátase de mellorar e ordenar o estacionamento nesta zona que sempre crea problemas de tráfico porque cada día hai coches e furgóns mal estacionados e impiden un bo funcionamento do carril máis próximo ao mercado.

Esta medida estase complementando coa creación de tres novas zonas de estacionamento de servizos na avenida do Uruguai e próximas á praza. Están ao carón da parada do autobús e en fronte, no outro sentido da circulación. Tamén se está a habilitar unha zona de estacionamento de servizos na rúa Serra, en dirección á rúa Real.

O estacionamento de servizos obedece a unha petición dos usuarios do mercado de abastos e dos comerciantes deste ámbito que solicitaron a posibilidade de máis rotación nos aparcamentos en superficie.