O Concello recibe 2,1 millóns para as ARIs do Centro histórico e de Estribela

269

O Concello de Pontevedra recibiu nestes días a confirmación da aprobación das Áreas de Rehabilitación Integral solicitadas tanto para o centro histórico de Pontevedra como do barrio de Estribela. A contía concedida é de 2.148.924 euros, substancialmente inferior ao montante que reclamaba o Concello que solicitaba arredor de 6 millóns de euros para a rehabilitación de 46 edificacións e mellorar arredor de 187 vivendas.

Dos 2,1 millóns concedidos polo Ministerio de Vivenda, 1.784.681 euros son para o centro histórico de Pontevedra, e 364.243 euros son para Estribela. Segundo explicou esta mañá o concelleiro delegado da área urbana, Luís Bará dos 2,1 millóns de euros o Ministerio achegará 750.000 euros; o Concello 322.188 euros; e a iniciativa privada 1.076.735 euros.

Con estas contías poderase atender a 27 vivendas (unhas 100 solicitudes) do centro histórico de Pontevedra, e 6 edificacións (unhas 58 actuacións) en Estribela.

Como é sabido coas Áreas de rehabilitación integral pódense facer actuacións no ámbito privado e tamén no público. No privado pódese atender arranxos de fachadas, cubertas, espazos comúns…

E no público o Concello de Pontevedra recibirá 228.867 euros, e a acordou priorizar a mellora da rúa Tristán de Montenegro (88.643 euros), Pratería vella (92.624 euros) e do espazo arqueolóxico do Burgo (47.600 euros).

Luís Bará criticou o atraso co que o Ministerio concede estes fondos dado que están adscritos ao plan plurianual de vivenda de 2013-2016 “e estamos a final do ano 2015, polo que temos pouco máis dun ano para facer estas actuacións” tanto no ámbito privado como no público.

Dado que os prazos están moi apertados, abrirase un prazo urxente para o enviou e recepción da documentación das vivendas escollidas para beneficiarse destas axudas.