O Pont-Up Store preséntase como o espazo de referencia para o emprendemento en Galicia

292

Esta mañá presentouse o Pont-Up Store, un encontro que vai converter a Pontevedra na capital do emprendemento en Galicia en setembro e no que se darán cita emprendedores, profesionais, estudantes, inversores, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación, para apoiar a innovación, a colaboración, a formación, o financiamento e o emprendemento creativo.

Na presentación participaron a concelleira de Turismo de Pontevedra, Ana Gulías; o vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho Valencia; e Pedro Figueroa, director do Grupo de Investigación G4 Plus da Universidade de Vigo e impulsor do evento. Durante o acto, presentouse a web www.pontupstore.com a través da que poden inscribirse xa os participantes ata o 9 de setembro. A continuación, os membros da organización trasladáronse á Praza de España -o espazo onde terá lugar o encontro en setembro- e repartiron entre os asistentes e transeúntes tatuaxes temporais coa imaxe do evento e as mensaxes de empredemento da súa campaña de lanzamento. “Levamos tatuado o noso soño”, “Son emprendedor”, “Se podes soñalo, podes facelo”, “Todo é empezar”, “Sinerxias” ou “Networking” foron algunhas das lendas que quedaron gravadas na pel dos que se decidiron a sumarse á actitude emprendedora que inundará ás rúas da cidade o próximo outono.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías destacou a importancia “de axudar a consolidar Pontevedra cun espazo de emprendedurismo, dando saída ao talento da xente, xerando valor engadido e creando traballo diferente e alternativo”.

Pola súa banda, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho destacou a aposta da Universidade de Vigo por este tipo de iniciativas que “teñen por obxecto incitar á xente á emprender”.

Finalmente, Pedro Figueroa, director do Grupo de investigación G4 Plus, da Universidade de Vigo, destacou que con esta segunda edición do Pont-up Store “buscamos visibilizar aos novos emprendedores para que poidan amosar os seus productos”, e ao escoller Pontevedra “tratar de converter a Pontevedra no centro do emprendemento”.

Destacou que nesta edición hai novidades como o comité organizador integrado por profesorado da Universidade de Vigo, emprendedores da anterior edición e emprendedores do ámbito social. Outra das novidades é poder diversificar as posibilidades dos emprendedores como o acceso a un stand de balde ou espazos de presentación, entre outros.

O Pont-Up Store está dirixido a novos emprendementos con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a creación da empresa. Participar é de balde, pero será preciso que superar un proceso de selección. O Comité Organizador do Pont Up Store 2015 será o encargado de escoller os proxectos presentados aplicando criterios de valoración sobre o grado de innovación para o mercado, sustentabilidade e valor social (no caso de emprendemento social), creatividade da proposta de actividades e de dinamización do evento, entre outros. Priorizaranse candidaturas que non participaron no Pont Up 2014 e buscarase a diversidade de participantes en canto produtos/servizos, sector de actividade e forma xurídica da empresa.

O encontro contará cunhas xornadas previas entre o 22 e o 24 de setembro nas que se desenvolverá un extenso programa de charlas, mesas redondas, obradoiros, networkings e demostracións, con poñentes de primeiro nivel no ámbito galego que virán compartir as súas experiencias, o seu coñecemento e o seu tempo cos participantes.

O Pont-Up Store naceu o ano pasado dentro da IV Conferencia Ibérica de Emprendemento que se organizou en outubro en Pontevedra, e o seu impacto foi tan alto, que xurdiu a proposta unánime de promover a organización desta segunda edición, na que adquire entidade propia para consolidarse como o encontro galego de referencia para a creatividade e o emprendemento, aberto a toda a cidadanía, e que centra os seus esforzos no incremento da cultura emprendedora na sociedade.

O obxectivo principal do Pont-Up Store é facilitarlles aos novos emprendedores un espazo para visibilizar e promover a súa marca, os seus proxectos empresariais e a busca de financiación externa; ademais de ofrecerlles un lugar onde testar e vender os seu produtos ou servizos e proporcionarlles un espazo de relación e intercambio de experiencias con diferentes axentes do ecosistema emprendedor. O encontro pretende tamén animar a futuros emprendedores a concretar a súa idea de negocio a través do coñecemento de proxectos e experiencias doutros emprendedores, e promover a cultura do emprendemento con novos formatos e espazos de integración entre os emprendedores e a sociedade, ao tempo que se lles proporciona aos visitantes unha experiencia de ocio e aprendizaxe, nun espazo urbano de referencia internacional, dinamizando a cultura e a economía local.

O Pont-Up Store está promovido pola Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) e conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e outras entidades públicas e privadas (Consello Social da Universidade de Vigo, Zona Franca de Vigo, Abanca, Deputación de Pontevedra e Igape, entre outros). O seu comité organizador está integrado por un equipo entre os que se atopan docentes da Universidade de Vigo, emprendedores que participaron na pasada edición e representantes do emprendemento social.

EDICIÓN ANTERIOR

Book Emprendedores versión online:

https://tv.uvigo.es/uploads/material/Video/26857/Book_Emprendedores_PONT_UP_Final.pdf

Book Emprendedores versión para imprimir:

https://tv.uvigo.es/uploads/material/Video/26857/Book_Emprendedores_PONT_UP_Final_-_Version_para_imprimir.pdf

Spot https://tv.uvigo.es/video/116481.html

Reportaxe: https://tv.uvigo.es/video/116485.html