Un “remuíño de ideas” para que A Fracha sexa un gran parque forestal

268
O inicio dos traballos necesarios para realizar un anteproxecto para o futuro Parque Forestal da Fracha protagonizou a Xunta de Goberno do luns, 10 de agosto. O Concello saca a contratación un estudo sobre a función que poden xogar as 250 hectáreas da serra da Fracha como parque forestal periurbano e que terá na participación de todos os axentes implicados os eixos da súa redacción. En palabras de Raimundo González Carballo, portavoz do Goberno “trátase de facer un auténtico remuíño de ideas en torno ao que todos queremos para A Fracha”.
O obxecto do estudo compónse dun monte comunal que abranque parte das parroquias de Marcón, Tomeza, A Canicouva e Ponte Sampaio (que podería ter continuidade nos concellos de Ponte Caldelas e Vilaboa). Quere ser unha folla de rota para que A Fracha sexa xestionado como un auténtico valor para a cidadanía ademáis de conservar e potenciar toda a súa riqueza natural, recuperando a biodiversidade forestal, restaurando camiños ou rotas como a senda “Entrerrías” e outros que puideran ter o seu interese como escenarios de actividades na natureza.
Unha das bases sobre a que se ten que organizar todo o proxecto é a participación, tanto das comunidades de montes propietarias dos terreos como das entidades representativas de cada parroquia, ecoloxistas, os clubes deportivos relacionados coas actividades de lecer na natureza, especialmente as asociacións de montañeiros e de mountain-bike.
O respecto ao ecosistema será o eixo principal sobre o que se asente esta operación sobre o gran espazo natural situado ao sur-leste da capital, con espectaculares vistas sobre as rías e a comarca.
O estudo técnico que agora se solicita terá que definir o coste das actuacións así como estimar os importes anuais para mantelo, e os redactores que resulten adxudicatarios dispoñen de 6 meses para realizar todos os traballos. No ámbito do parque forestal estará tamén ubicada a futura planta de compost de Pontevedra.