O secretario do Pleno di que a Subcomision para retomar o PXOM “non é procedente, nin legal, nin formalmente nin por contidos”

158

“Non é xuridicamente procedente. Non é procedente nin legalmente, nin formalmente nin por contidos”, “é absolutamente demoledor”.  A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, resume nestes termos o informe da Secretaría Xeral do Pleno sobre a proposta de Marea Pontevedra, aprobada por maioría na sesión plenaria de xullo, para crear unha Subcomisión de Urbanismo co fin de retomar a redacción, aprobación e posta en marcha do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O primeiro paso proposto, unha xuntanza coa empresa redactora do proxecto aparcado, xa non ten sentido pois buscar un acordo co equipo redactor que permita aproveitar os traballos realizados até agora, está fóra de sitio “xa que tales traballos, desde o momento que foron pagados, son de propiedade municipal”. Por tanto, engade a concelleira, “é o Concello quen os pode utilizar para o que precise, a empresa non pode facelo”.

Por outra banda a creación dunha subcomisión tal como se propón non se contempla na Lei 7/1975, nin na LALGA (Lei 5/1997 de Administración Local de Galicia), no Regulamento Orgánico do Pleno ou no Regulamento  de Organización das entidades locais, e a súa previsión esixiría a modificación do Regulamento do Pleno.  A que está aberta é a porta da creación un “grupo de traballo” composto por concelleiros de cada grupo municipal coa representatividade que desexen, con ou sen asesores, co fin de analizar o procedemento, facer debate ou mesmo propostas para sacar adiante o PXOM pero tendo claro que “este grupo non ten carácter oficial”, non está integrado no esquema municipal”. As súas propostas haberían de canalizarse como propias dos grupos municipais.

A Subcomisión de Urbanismo proposta non é “executábel” engade Carme da Silva polo que lle di aos grupos municipais que non poden ter ocorrencias dese tipo e  recorda que na primeira xuntanza da Comisión de Urbanismo na que se lles explicou aos distintos grupos que están todos os servizos municipais a súa disposición, toda a información, para todo o asesoramento que precisasen.  “No Urbanismo hai que tomar decisións moi complexas, necesítase unha formación que non hai que ter para presentarse nunha candidatura, pero si debemos tentar de adquirila despois”, indicou o a concelleira. “Eu anímolles a que usen o asesoramento dos servizos municipais”, concluíu.