O Supremo autoriza a soterrar os pasos a nivel do tren en Praceres

142

O Supremo autoriza ao Ministerio de Fomento a pechar a vía do tren na praza dos Praceres e construír dous pasos soterrados para peóns e vehículos. “A sentenza é a crónica dunha decisión anunciada e no fondo, unha traxedia” apunta o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, xa que é unha sentencia “firme e executábel”  fronte a que non hai nada que facer. O fallo do Tribunal Supremo é o último paso dunha longa loita veciñal contra o paso do tren ao porto de Marín pola praza. Fomento ten pensado pór os pasos soterrados baixo a PO-546 e na rúa Areal.

“E a peor solución posíbel” xa que de facerse a obra, a praza quedará cortada en dous e “suporá unha inversión de moitos cartos públicos para deixalo peor”. Pola praza do Praceres pasan dous convois ao día e se ben os pasos a nivel levan un risco para os peóns neses momentos, aínda coas medidas de seguridades existentes, de construír os pasos soterrados e pecharse o camiño de ferro a veciñanza perderá o espazo público de convivencia que ten até agora. 

O Concello de Pontevedra rexeitou e rexeita o proxecto de Fomento e trasladará de novo o súa oposición ao Ministerio cando reciba a sentenza. Para o concelleiro César Mosquera “só queda agardar co fallo non se execute” o que podería ser se a parte demandante, neste caso os veciños, non instan a súa execución.