Ciencia… case maxia

173

Un grupo de pequenos científicos, case magos, traballan arreo no obradoiro “A alquimia na vida cotiá” que se desenvolve no CITA (Centro de Interpretación das Torres Arcebispais) dentro do programa de obradoiros infantís -nenos e nenas de seis a doce anos-, organizado para quentar motores cara a celebración da próxima Feira Franca, os días 4 e 5 de setembro.

Plastilina caseira, líquidos que non se mesturan e que camiñan, ovos que saltan, serpes de cores… pequenos “milagres” que abraian e divirten aos pequenos aprendices de alquimista que até hoxe teñen no CITA o seu laboratorio.

O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Festas, Carme da Silva, compartiron cos nenos e as nenas a actividade deste segundo obradoiro de alquimia. Os rapaces inscritos na actividade lúdica e formativa xa tiveron a oportunidade de meterse de cheo do mundo “científico” da Idade Media en “Ti, un gran alquimista”. “Xogando coa alquimia” será a terceira e última proposta, que chegará ao CITA o 31 de agosto e o 1 de setembro.