Luz verde á mellora do acceso a Monte Porreiro por Os Campos

221

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou, fóra da orde do día, o proxecto de mellora do acceso ao barrio de Monte Porreiro por Os Campos. A obra procura un duplo obxectivo, mellorar a accesibilidade  e garantir a seguridade viaria.

A obra foi adxudicada a EC-Casas e inclúe a construción de beirarrúas, o arranxo da senda peonil actual, o acondicionamento das zonas axardinadas, medidas de calmado de tráfico -seis pasos de peóns elevados ou lombos-, a reordenación do trafico na glorieta da UNED e a mellora do sistema de pluviais, O Concello investirá nesta actuación 241.120 euros.

A viceportavoz do Goberno local, Anabel Gulías, encadra a obra na aposta do Concello por trasladar aos barrios e as parroquias os estándares de calidade urbana do centro da cidade, o que é un dos eixos da política municipal do novo mandato. Lembra Anabel Gulias que a presenza de UNED e dun colexio fai da zona un lugar transitado por peóns e a apertura da nova ponte sobre o Lérez aumentou o tráfico de vehículos.

Pavillón e Salcedo

Xa dentro da orde do día, a Xunta de Goberno acordou aprobar os proxectos e o inicio dos expedientes de dúas actuacións que suporán para o Concello un desembolso de mais de un millón de euros. Trátase da rehabilitación do núcleo de centralidade de Salcedo (Fase 1) e a renovación da cuberta do Pavillón municipal de Deportes.

A renovación da cuberta do pavillón se fará no ano 2016, ao terminar os equipos a tempada. Anabel Gulías explicou que se axilizarán os trámites para levar a cabo unha actuación que recuperará para a instalación a cuberta orixinaria, a deseñada polo arquitecto autor do proxecto, Alejandro de la Sota. O presuposto ascende a 690.792,47 euros.

Para a primeira fase da mellora do núcleo de centralidade de Salcedo con deseños e calidades urbanas, o Concello investirá 397.398,51. Con este proxecto a calidade urbana achégase a parroquia e grazas tamén a cesión da comunidade de montes de Salcedo duns 3.000 metros cadrados para a creación dun espazo común onde estará a casa da cultura -en construción-, un campo de petanca, outro de chave, o parque infantil e un parque biosaudábel.

O proxecto elaborado pola oficina de arquitectura municipal contempla retranquear o viario actual para reordenar todo o espazo. Este movemento permitirá crear unha praza diante da entrada ao cemiterio parroquial especialmente útil en xornadas tan sinaladas como o Día de Defuntos. Tamén se creará un paso de peóns elevado para garantir a seguranza viaria en todo este ámbito.