Concello e Deputación, xuntos pola seguranza viaria en Príncipe Felipe

162

O Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial están en total sintonía para mellorar a seguranza viaria no contorno de Príncipe Felipe e Montecelo. Responsábeis políticos e técnicos das dúas administracións reuníronse para abordar o proxecto de mellora global de accesibilidade, seguranza viaria e mobilidade no que está a traballar o Goberno local para a estrada que chega ó hospital e ás instalacións da cidade infantil. O resultado do encontro foi positivo xa que ambas institucións seguen unha filosofía xeral común sobre a materia. Arranca un “bo clima de colaboración” que se concretará en reunións técnicas para atopar propostas conxuntas de calmado de tráfico nas vindeiras semanas.

O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, subliña que a seguranza viaria é un obxectivo primordial para o Concello e que o proxecto de Montecelo persegue unha mellora global da accesibilidade, a seguranza viaria e a mobilidade dos veciños -tanto peonil, como no referido ao transporte publico e aos estacionamentos-. A reunión de hoxe encádrase nunha rolda de contactos con tódalas institucións afectadas polas obras na vía que une a N-541 coa C-531, que se centrarán principalmente na fronte do Hospital Montecelo e nas inmediacións de Príncipe Felipe. 

“A Policía Local detectou vehículos a 107 quilómetros por hora ás seis a tarde nesta vía e iso hai que solucionalo” manifestou Bará Torres.

A vindeira semana haberá un encontro con responsábeis do CHOP e do CIFP Carlos Oroza para que tamén fagan suxestións.

Pola súa banda a deputada provincial de Príncipe Felipe, Eva Villaverde, falou de “sintonía común” de ámbalas administracións e aplaudiu as actuacións que está a levar adiante o Concello de Pontevedra nos contornos dos centros educativos para garantir a seguridade viaria. Lembrou que Príncipe Felipe é un macro complexo que conta cun centro de Primaria, un de Educación Infantil, un de Ensino Especial, dous de FP (o IES Montecelo e o CIFP Carlos Oroza) e os centros de acollida de Deputación, “Estamos a falar dun movemento de entrada e saída ao complexo que chega ás 1.500 persoas e todas elas atópanse cun problema de acceso e una situación do viario que non é a máis segura” sinalou a deputada Eva Villaverde.

O novo asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole, apuntou a posibilidade de crear unha glorieta no acceso á cidade infantil, que serviría de calmado de tráfico e facilitaría a entrada dos usuarios ás instalacións. O técnico estudará o anteproxecto realizado pola Policía Local de Pontevedra.

A proposta do Concello para a estrada municipal (que foi provincial até 2008) inclúe melloras de beirarrúas, a creación de sendas peonís nas cunetas que agora invaden os coches, a reordenación das paradas de autobús e das zonas de carga e descarga, a creación de estacionamentos de motocicletas, o traslado de zonas de aparcamento para discapacitados a lugares máis accesíbeis, a instalación de medidas de calmado de tráfico e a mellora da iluminación entre outras.