Lores lidera unha ofensiva institucional a prol da saída de Ence e Elnosa da ría

136

Moi preocupado”  ao ver que “o Partido Popular está a poñer en marcha, dunha forma cada vez máis clara, toda a maquinaria política e lexislativa ao servizo da permanencia do complexo industrial de Ence e Elnosa na ría, hipotecando o seu futuro por máis de un século”. Son palabras do alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, quen xulga “urxente e necesario” unha ofensiva institucional, política e social “o máis ampla posíbel” para evitar que as dúas industrias manteñan a súa actividade en Lourizán, para impedir a consolidación definitiva do “maior problema de carácter ambiental e urbanístico que ten a nosa comarca” .

“Hai que tratar de evitar que o PP no Goberno do Estado tome unha resolución sobre Ence  (que lle conceda a prórroga da concesión) antes das próximas eleccións” sostén o alcalde, seguro de que “estamos no último chanzo que temos” para recuperar a concesión de Lourizán e a ría para usos tradicionais, marisqueiros e turísticos. Tamén esixe á Xunta de Galiza que faga uso das súas competencias exclusivas e emita un ditame desfavorábel á prórroga de Ence.

O alcalde fai un chamamento aos cidadáns e colectivos sociais para que manifesten a súa oposición ao que define coma “un atentado” contra a ría, a permanencia de Ence e de Elnosa. O caso da cloreira é máis grave aínda, xa que “estaba finiquitada” en virtude do acordo acadado coa Consellería de Medio Ambiente polo que se comprometera a cesar actividade no 2016 e buscar un emplazamento alternativo en Galiza e a ser posíbel na provincia. Fernández Lores reivindica que “os pontevedreses temos dereito a ter un modelo de desenvolvemento do noso territorio que respecte o medio ambiente” e os gobernos da Xunta e do Estado “non poden actuar ás nosas costas”.

Fernández Lores arranca a ofensiva institucional  cunha proposta de acordo sobre a saída de Ence e Elnosa que levará ao Pleno do Concello de Pontevedra. O obxectivo é que a Corporación municipal faga súas as seguintes esixencias:

. Esixir do Goberno do Estado a paralización inmediata de toda actuación conducente á prórroga das concesións de Ence e Elnosa na ría de Pontevedra. En ningún caso tomar unha decisión antes da constitución do próximo goberno do Estado.

. Instar á Xunta de Galiza a exercer as súas competencias exclusivas en ordenación do territorio e informar desfavorablemente a prórroga de Ence e Elnosa, de solicitala, en Lourizán.

. Instar á Xunta de Galiza a iniciar a elaboración do instrumento de ordenación do territorio conducente a recuperación e rexeneración do espazo ocupado polo complexo.

. Anular a AAI (Autorización Ambiental Integrada) de Elnosa e paralizar a súa actividade, nunca prorrogábel máis alá de 2016.

Apoio da Deputación

Nesta ofensiva para acadar a saída de Ence e Elnosa da ría, o Concello de Pontevedra terá ao lado o Goberno da Deputación Provincial, que aprobará unha moción de apoio á posición do Concello. Coa moción instará á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado “para que non se prorrogue a concesión” de Lourizán. É un posicionamento falado pola presidenta da institución provincial, Carmela Silva, co alcalde Miguel Fernández Lores.