Pontevedra, capital da Orientación Deportiva en marzo de 2016

142

Pontevedra acollerá, do 24 ó 27 de marzo de 2016 (coincidindo coa Semana Santa), o Campionato de España de Orientación a Pé, unha cita na que se agarda reunir a 1.500 participantes, homes e mulleres, dun amplo abano de idades: desde os 12 aos 65 anos.

Os deportistas, que terán de base a cidade do Lérez, amosarán a súa destreza en catro localizacións diferentes: o centro histórico de Pontevedra, o eixo Pontillón do Castro-monte Acival, Siradella- O Grove e Pazos de Borbén. O campionato incluirá as probas de sprint, larga distancia, relevos e comunidades autónomas.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, acompañado da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, reuniuse cos máximos representantes da organización da cita deportiva: os titulares da Federación Española de Orientación Deportiva, Víctor García Berenguer; da Federación Galega de Orientación Deportiva, Tito Arufe e do Club Montañeiros de Pontevedra, Manuel Veloso para falar do campionato que consolidará á cidade como referente da Orientación Deportiva do Estado.

O Campionato de España de Orientación é un paso máis na aposta da cidade polo deporte e é tamén a meta dun proxecto xurdido hai tres anos da mán do Club de Montañeiros de Pontevedra, que xa tivo dúas citas exitosas: o Campionato Ibérico de Orientación de Raid e o Campionato Ibérico de Orientación a Pé.

Tito Arufe, presidente da Federación Galega de Orientación, subliña as características dunha modalidade deportiva e dun facer que atopa en Pontevedra o escenario e a colaboración óptima para o seu desenvolvemento ó ser valores compartidos: a transparencia na información; a integración, desde o punto de vista da idade -compiten deportistas desde os 12 anos a maiores de 65- e do xénero -homes e mulleres participan en pe de igualdade- e a posta en valor do medio ambiente e o patrimonio.

Pola súa banda o presidente da Federación Española, García Berenguer, lembrou a boa organización e acollida da cidade ó campionato celebrado no 2005 e manifestou o seu convencemento de que o 2016 o éxito non ha de quedar atrás.