Fouces visita a horta urbana da Finca do Conde e comproba o desenvolvemento do proxecto

274

A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces visita esta tarde a Finca do Conde onde o Concello habilitou 41 hortas urbanas, na actualidade todas adxudicadas e con lista de agarda. A Concellaría renovou o pasado mes de xuño todas as parcelas, xa que había algunhas baixas que se cubriron con peticións en lista de agarda.

A concelleira quixo manter un encontro cos adxudicatarios para coñecer como están a desenvolver este proxecto e recoller información sobre posibles necesidades da horta. Na reunión acordaron arranxar a contorna da finca na actualidade bastante abandonado, así como un camiño de acceso por un lateral da parcela, moi empregado polos usuarios das hortas.

Tamén se falou da necesidade de facer un control da normativa da horta xa que co paso do tempo estánse a producir algúns incumprimentos e de que se traballa seguindo as directrices da agricultura ecolóxica. Para reforzar esta filosofía coa que naceu a horta, faranse uns obradoiros sobre este tema.

Finalmente, a concelleira lles informou que cando rematen os traballos de acondicionamento do resto da parcela, así como dunha caseta de madeira de usos múltiples da horta, farase unha festa para visibilizar o traballo na horta. Esta celebración está prevista, inicialmente, para finais de setembro.

Ante o bo funcionamento e a resposta cidadá, a Concellaría de Igualdade está estudando a posibilidade de ampliar o número de hortas, tanto nesta zona como noutras parcelas municipais que hai en distintos barrios da cidade.

Cabe lembrar que a Concellaría puxo en marcha este proxecto na primavera pasada, aproximadamente, tratando de priorizar ao colectivo de mulleres en risco de exclusión, e introducindo á asociación Xoán XXIII como encargada de crear a horta o que implicou a limpeza de boa parte da parcela, a creación dunha zona de estar con bancos e mesas, unha caseta para gardar os aparellos, entre outros labores. A empresa “Feito”, a primeira empresa de inserción social do municipio, está a facer os labores de mantemento do espazo no que se atopan estas hortas na Finca do Conde.

Reunion-da-horta-da-Finca-do-CondeTraballos-na-horta-da-Finca-do-CondeTraballos-na-Finca-do-CondeHorta-urbana-da-Finca-do-Conde