Demetrio Gómez reúnese coa nova directiva da Asociación de Veciños Estriceres

202

O concelleiro delegado da parroquia de Estribela, Demetrio Gómez mantivo hoxe pola tarde unha reunión coa nova directiva da Asociación de Veciños Estriceres na Casa da Cultura de Estribela, un encontro que serviu para marcar as liñas de traballo no futuro polo que chegaron ao acordo de manter o Consello Parroquial, levar adiante os planos de parroquia e traballar para definir os  núcleos de centralidade parroquial, así como traballar con criterios de calidade parroquial coa promoción da mobilidade peonil e da seguranza viaria.

Pola súa banda, a nova directiva da asociación explicou que ten por obxectivo coordenar co resto de entidades da parroquia as actividades socio-culturais da Casa da Cultura para quitarlle o máximo rendemento posíbel, logo de ter feito reformas interiores de carácter estrutural que permitiu dar máis versatilidade aos espazos da Casa da Cultura.

Cabe lembrar que as obras realizáronse o pasado mes de abril e consistiron na división do salón de actos -que é moi espacioso- para crear despachos e aulas; retirouse unha barra de bar instalada no local; tamén se insonorizaron as zonas das neveiras do piso inferior, entre outros pequenos traballos.

A Casa da Cultura de Estribela é a primeira que puxo en marcha o actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, cando chegou á Alcaldía no ano 1999, polo que as dependencias, que tiveron moito uso veciñal, xa precisaban unha renovación e tamén unha reordenación dos espazos para dar saída a novas actividades e usos que se queren desenvolver na Casa no futuro.