Un espectáculo conxunto con cinco compañías abrirá a Feira Franca

453

A Feira Franca chega a súa dezaseis edición con novidades deixando claro que lonxe de esgotarse é unha cita consolidada e con futuro. Por primeira vez cinco compañías – Kull d ́Sak, Troula, Roxie Produçoes, Pablo Méndez Perfomance e Pedro Volta- comporán un espectáculo conxunto, será o acto inaugural dunha festa adicada nesta ocasión á alquimia.

“Será un espectáculo moi potente, moi complexo no que levan meses traballando as cinco compañías para sorprendermos a todos” explica a concelleira de Festas, Carme da Silva. Un espectáculo no que non faltará os elementos esenciais da natureza: lume, auga, terra e luz, as acrobacias, e… a maxia propia do mundo da alquimia.

O espectáculo compartido é a grande novidade da Feira Franca 2015, pero non a única. Haberá unha maior partipación de xente e ambientación adicional na Recreación do transporte do viño, que organiza a Asociación Recriativa de Xeve e Art Monium pola ruta habitual: Santa Clara, Sarmiento, Pasantería, praza de A Ferrería e A Peregrina.

Pola súa banda, o Gran Torneo Medieval traerá algúns cambios na estética e no formato xa que muda a compañía que o representa. “Por primeira vez será unha empresa galega a que se faga cargo do espectáculo, Hípica Celta”, sinala a concelleira de Festas.

A cidade ultima os preparativos da Feira Franca. Bombeiros e técnicos de Viaqua revisaron os hidrantes do ámbito territorial da festa – casco histórico, Alameda e contorna-, a montaxe da escenografía vai avanzando e as reservas de mesas e espazos xa están cumprimentados. Autorizáronse 250 xantares e ceas na rúa a particulares, e 140 a hostaleiros.