O institutos Carlos Oroza e Montecelo coñecen as directrices da reforma da contorna de Montecelo

168

O concelleiro delegado da área urbana, Luís Bará mantivo esta mañá un encontro coas directivas dos centros de Formación Profesional Carlos Oroza e Montecelo para presentarlle o proxecto de mellora da seguranza varia e da accesibilidade no entorno do hospital Montecelo. Luís Bará lembrou que o Goberno Local ten decidido mellorar a seguranza en todos os ámbitos dos centros de ensino e dos centros hospitalarios, de aí a actuación en Montecelo e no Hospital Provincial.

No caso de Montecelo, explicoulles que se parte dun estudo global realizado pola Policía Local no que se recollen as necesidades deste ámbito (dende o estacionamento do Hospital até a entrada da Cidade Infantil Príncipe Felipe) e son:

  • Ampliar e construír novas beirarrúas para mellorar a mobilidade peonil
  • Eliminar as barreiras arquitectónicas
  • Medidas de calmado de tráfico e seguranza viaria coa construción de rotondas, estreitamento de calzadas ou instalación de pasos de peóns elevados.
  • Reordenación dos estacionamentos (especialmente para eliminar a multitudes de ilegais).
  • Mellora do transporte público (aínda que non é unha competencia directa do Concello)
  • Mellora do alumeado de todo o ámbito.

Luís Bará explicou que na reunión mantida esta mañá coa directiva desta comunidade escolar integrada por máis de 800 persoas solicitaron máis medidas relativas á seguranza viaria, especialmente no ámbito da estrada que baixa aos centros, que é propiedade da Deputación..

O concelleiro delegado do ámbito urbano indicou que “sabemos que toda esta situación levanta moita expectación, o cual nos alegra”. Lamentou a actitude da oposición “porque parece que están nunha competencia a ver quen se opón máis a este proxecto”.

Asegurou que o Concello seguirá as indicacións de todos os técnicos municipais, tanto dende a Policía como da oficina técnica de proxectos que neste momento elabora o resultado final da reforma. Tamén manifestou que presentará o proxecto á dirección de Montecelo e aínda que se atenderán os requerimentos de todos os axentes implicados no proxecto “buscaremos coincidencias, pero o proxecto seguirá as directrices dos técnicos municipais aínda que non coincidan ao 100% coas peticións do Sergas”.