Os concellos da ría esixen ao Goberno que non decida sobre Ence antes das xerais, agás Marín

122

Marín descolgouse do cumio municipal convocado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, co fin de pulsar a opinión dos rexedores dos concellos da ría de Pontevedra sobre a continuidade de Ence e Elnosa en Lourizán máis alá do ano 2018. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, do PP, falara pola mañá con Lores para explicarlle que non lle apetecía comparecer como a posíbel única voz discordante xa que, na liña do seu partido, aposta pola permanencia do complexo industrial, que ademais está moi ligado a actividade do Porto.

Á cita acudiron o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, do SAL e o concelleiro de Facenda de Poio, Xulio Barreiro. Pola súa banda o alcalde de Bueu, Félix Juncal, desculpou a súa ausencia aínda que reiterou o posicionamento compartido co Goberno local a prol do traslado de Ence e Elnosa e pola recuperación da ría.

A reunión serviu para marcar as claves dun discurso e unha acción política e institucional dirixida a, cando menos, aprazar a toma dunha decisión esencial para o futuro da ría: a prórroga da concesión dos terreos de Lourizán que está en mans do Goberno do Estado. “Non nos parece de recibo que se tome unha decisión sobre a cuestión neste 2015, antes das eleccións” subliña o alcalde de Pontevedra quen lembra que “Ence ten prórroga até o 2018, non estamos nun momento inminente de peche da empresa e por elo é absolutamente coherente e razoable pedirlle, esixirlle ao Goberno do Estado que non tome unha decisión antes das elección xerais pois é unha decisión que vai a afectar a todo o mandato do novo Goberno”.

A modificación da Lei de Costas que abre a porta a prórroga das concesións industriais en dominio público marítimo-terrestre foi aprobada no Parlamento só cos votos do PP, ningún outro grupo político a apoiou.

Por outra banda a ofensiva institucional que lidera Miguel Fernández Lores esixe á Xunta de Galiza que “faga valer as súas competencias de ordenación do territorio” e impida a actividade industrial na ría. “Hai unhas directrices autonómicas que -se non dunha forma absolutamente tallante-, si avalan a recuperación do espazo marítimo terrestre” sinala o alcalde pontevedrés.

Se os dirixentes municipais de Pontevedra, Poio e Bueu, os tres nacionalistas, teñen manifestado en reiteradas ocasións a súa defensa do traslado e denunciado o uso dos recursos lexislativos e administrativos por parte do PP, no Goberno do Estado e da Xunta, para garantir a permanencia de Ence en Lourizan, a postura do novo alcalde de Sanxenxo era una incógnita. Gonzalo Pita sinalou que acudir a cita era “una obriga institucional” e que o seu compromiso é levar ao Pleno municipal unha moción para debater un pronunciamento oficial sobre o tema. “Hai a intención dun partido (o PP) de tomar unha decisión ao final da lexislatura que non cremos razoable, que acabándose esta concesión no 2018 hai tempo para que o Goberno entrante tome esa decisión”.

Para Gonzalo Pita “decisións de tanto calado como o traslado ou non de Ence non se deben facer ao final dunha lexislatura se non ao principio; e a debe tomar un goberno entrante, non un saínte”.

O cumio municipal enmárcase na ronda de contactos que promove o Concello de Pontevedra co fin de pulsar a opinión de veciños, colectivos e institucións sobre o futuro de Ence. “A finais de mes reunirémonos todos para decidir unha folla de ruta para presionar o Goberno” co fin de que non prorrogue a vida de Ence e Elnosa en Lourizán.