Chega Núbebes, o festival das artes escénicas para os bebés e as familias

216

Teatro, contos, música, danza e obradoiros. Isto e moito máis é o Festival Núbebes, un espazo específico para os bebés e as familias que xira arredor das artes escénicas e que chega a súa terceira edición como unha cita consolidada.

“Hai un compromiso coa infancia, coa cultura, coa igualdade e coa discapacidade” sinala a concelleira de Benestar Social , Carme Fouces, que defende tamén o Núbebes como unha aposta pola industria cultural galega, e de Pontevedra en particular. “Temos o mellor do mellor”, subliña aludindo o Baobab Teatro, coordinador do certame. O seu monicreque Roque estará no festival facendo as delicias dos pequenos e arrancando sorrisos ós maiores.

A cita deste ano trae novidades como que as entradas poranse a venta unha hora antes dos espectáculos na taquilla para que todos os interesados teñan oportunidade de asistir algún dos eventos e retomará os obradoiros para profesionais. A inscrición aos catro obradoiros farase on line, a partir do luns no correo inscricion@baobabteatro.com e as prazas cubriranse por orde de chegada da inscrición

O Festival Núbebes celebrarase en dúas fins de semana seguidas: desde o venres 18 ao domingo, 20 de setembro, e desde o venres 25 ao domingo, 27. As actividades dos EspazosNube desenvolveranse no Teatro Principal, praza do Teucro, Casa das Campás e Casazul. A Nubesala instalarase na Casa das Campás e ademais os bebés e as familias poden desconectar nos parques, prazas e zonas de xogo próximos ás actividades, xa que Pontevedra converterase neses días en PonteNube.

O programa pode verse no www.facebook.com/festivaldasnubebes