Unha “espectacular” Feira Franca atrae a Pontevedra máis visitantes ca nunca

126

A cidade de Pontevedra viviu onte unha “espectacular e fantástica” Feira Franca, á que acudiu un número indeterminado de persoas pero que a organización -o Consello da Feira Franca- estima que “é a máis numerosa que lembra”, segundo manifestou a concelleira de Festas. “Non cabe máis xente” resumiu.

Carme da Silva agradeceu a todos os servizos implicados na organización o traballo feito: Cultura e Festas, Secretaría, Contratación, Intervención, Policía Local, Bombeiros, Viacqua, servizo de Limpeza, Asociación Recriativa Xeve… “Para facernos unha idea tramitáronse 197 expedientes de contratación distintos”.

Tamén destacou a implicación da hostalaría, que asumiu, na súa práctica totalidade, o espírito da festa e ambientou debidamente os seus locais e veladores; así como todas os espazos destinados a xantares e ceas de particulares que estaban apropiadamente engalanados, como xa é habitual ano tras ano. Cabe reseñar que moitos locais que se atopaban foro do ámbito da Feira Franca tamén estaban ambientados de época nesta ocasión.

Todas as actividades organizadas tanto polo Concello como polas asociacións e entidades participantes do Consello da Feira Franca estiveron ateigadas de xente, e o espectáculo das xustas celebrado na praza de Touros tivo que colgar o completo nos dous pases, con xente ás portas da praza que non puido asistir por ter o aforo cheo. Por primeira vez ó fronte estaba unha empresa galega, Hípica Celta.

No tocante ás medidas de seguridade, a organización destaca que toda a Feira desenvolveuse con absoluta normalidade, sendo un éxito a súa coordinación dado os miles de persoas que visitaron onte durante todo o día o centro histórico de Pontevedra. Houbo 56 requirimentos de servizos sanitarios e deles 14 remataron en Emerxencias do CHOP.

Os traballos de limpeza de todo o recinto da Feira Franca comezou coas primeiras luces do domingo, e prolongáronse durante toda a mañá e o mediodía, para devolver a Pontevedra ao século XXI. Ao longo do sábado recolléronse 14 toneladas de lixo e na mañá domingo, nun tempo marca, 40 toneladas. Os decorados e engalanados retíranse nesta semana.