Vaipolorío, APDR e Concello irán da man na loita para sacar a Ence-Elnosa da ría

314

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta tarde un encontro cos colectivos ecoloxistas Vaipolorío e APDR (Asociación Pola Defensa da Ría) -o representante de Adega escuso a súa asistencia por motivos de axenda- para coñecer o seu posicionamento ao respecto da continuidade do complexo industrial de Ence-Elnosa en Lourizán. Acompañado da concelleira de Urbanismo Carme da Silva, o alcalde explicoulles que Pontevedra xa sufriu durante sesenta anos a contaminación de Ence-Elnosa e ten dereiro a recuperar a ría e sacar a máxima rendabilidade a este espazo natural con actividades vinculadas ao sector primario, ao turismo ou deportes náuticos, entre outros moitos.

Os asistentes, Antón Masa pola APDR e Gonzalo Sancho por Vaipolorío, estiveron dacordo “en chegarlle ao corazón dos pontevedreses, para que manifesten a súa opinión e conseguir entre todos que non tomen unha decisión que poida hipotecar o futuro da ría para os próximos 60 anos”, indicou o alcalde.

Tamén se amosaron todos dacordo en pulsar a opinión dos cidadáns “para ter cara finais de mes unha reunión cos sectores posicionados pola defensa da ría e facer unha folla de ruta e unha campaña intensa que pode acabar nunha gran mobilización social”, explicaba o alcalde.

O presidente da APDR, Antón Masa indicou que “a inmensa maioría de Pontevedra tense que expresar na rúa, ten que ser combativa”, de feito asegurou que “Ence-Elnosa téñense que sentir acosados, xa que o desenvolvemento lóxico da ría de Pontevedra é incompatible coa presenza de Ence na ría”.

Pola súa banda, o presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho manifestou que “como asociación ecoloxista que somos non podemos pensar doutra maneira”. De feito, fixo unha chadama “aos amigos do medio ambiente” neste momento de necesario posicionamento social ao respecto de Ence.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra:

 

Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío

 

Antón Masa, presidente de APDR