O Concello e o Sergas coinciden amplamente en mellorar a seguranza de peóns en Montecelo

111

O concelleiro delegado da área urbana, Luís Bará mantivo esta mañá unha reunión co xerente do Sergas en Pontevedra José Manuel González e outros técnicos do Sergas para presentarlles o proxecto da praza do Hospital e o proxecto de mellora da mobilidade, seguranza viaria e accesibilidade en Montecelo. Esta reunión está enmarcada dentro da ronda de contactos que o concelleiro está a realizar nas últimas semanas coas distintas entidades implicadas neses proxectos.

Segundo Luís Bará, presentoulles os problemas dos distintos ámbitos e abordaron as solucións que plantexa o Concello para cada un deles. Chegouse a un acordo do 95% dos proxectos, dado que a xerencia do Sergas non está de acordo coa instalación de pasos de peóns elevados diante do hospital.

De todos os xeitos, o concelleiro explicou que o Concello segue adiante co proxecto de mellora da seguranza viaria, mellora da accesibilidade e mobilidade diante de Montecelo onde está previsto a instalación dunha rotonda, reducir a calzada e a instalación de dous pasos elevados como medidas para tratar de reducir a velocidade neste ámbito onde se teñen detectado vehículos a velocidades elevadas; e sempre seguindo as recomendacións dos técnicos de mobilidade do Concello de Pontevedra.

O concelleiro considerou moi satisfactoria a reunión, dado que aínda que non exista unha sintonía total coa xerencia do hospital, si é moi elevada, e ambas partes están de acordo en mellorar a seguranza dos miles de persoas que visitan cada día o hospital Montecelo.