O Concello e Tomeza achegan posturas para crear o futuro parque forestal da Fracha

176

O Concello de Pontevedra iniciou onte pola tarde o proceso para a creación do terceiro parque forestal do concello: o monte da Fracha, que comparten as parroquias de Tomeza, Marcón e Canicouva, maioritariamente. O concelleiro delegado da parroquia de Tomeza e coordinador do rural, Demetrio Gómez mantivo onte pola tarde unha reunión coas presidenta e tesoureira da comunidade de montes de Tomeza, para presentarlles o propósito do Concello de habilitar un parque forestal na Fracha.

A integración da Comunidade de Monte de Tomeza no proxecto obedece á necesidade de que ceda o uso do monte ao Concello, durante un período de tempo, para que o Concello poida actuar nel. Dende a directiva comunidade de montes, veron con mos bos ollos este plan, pero adiantaron que o tema debería ser sometido á asemblea de comuneiros.

De feito, a directiva da comunidade de montes quedou de estudar e propór cal é o mellor acceso ao monte dende a parroquia de Tomeza.

Informóuselles que o obxectivo é crear un parque dunhas 300 hectáreas con múltiples aproveitamentos: deportivo (bici de montaña, sendeirismo…), puntos de avistamento de aves, espazos de lecer, puntos de contemplación paisaxística,… Todo elo acompañado de plantacións de especies autóctonas, incluso con cogomelos, que serían de aproveitamento das comunidades de montes.

Ademais de solicitarlles á autorización, o Concello tamén solicita a implicación activa de todas as comunidades de montes, e dos veciños das parroquias, dado que son eles os que mellor coñecen o monte da Fracha para pór en valor todos os elementos patrimoniais, paisaxísticos, naturais, deportivos… que haxa na zona, ademais de implementalos con outras propostas que se poidan crear entre todos.