Obxectivo, facer do modelo de cidade un reclamo turístico

159

Hai un aumento sostido no tempo do número de visitantes que chegan á cidade. Os datos recollidos nos puntos municipais de información turística e no sector da hotelería e hostalería da cidade avalan a boa tempada turística de Pontevedra na que se constatou un incremento significativo do turismo internacional, de até preto do 20% (un 18,35%) no mes de xuño e dun 7,23% no mes seguinte, e que sitúa a ocupación hotelería en índices idénticos aos do ano 2010, e similares aos rexistrados antes do inicio da crise, maila ter unha maior oferta de prazas e contar con novos albergues e establecementos.

Os hoteleiros pontevedreses cifran nun 71% a ocupación media nos seus establecementos no mes de xullo, un 15% máis que hai un ano en un 85,6% a do mes de agosto, entre un 15 e un 20% máis que en agosto do 2014 e con datas puntuais nas que se rozaron o 100%.

Até os puntos de información turística municipal – Casa da Luz, Praza de España e Vialia- achegáronse 43.737 turistas nos meses de xuño, xullo e agosto, un dato subliñable en opinión da concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, un dato que fala do interese crecente de Pontevedra aínda unha grande descoñecida dos itinerarios turísticos.

Para mudar esta realidade, a Concellería de Promoción Económica comeza a traballar xa na campaña turística do próximo ano, na que o modelo de cidade, recoñecido e premiado no mundo, será un dos seus reclamos. De feito xa está programada unha reunión cos hoteleiros e hostaleiros de Pontevedra para o mércores xa que Anabel Gulías quere avaliar con eles a tempada rematada e pulsar a opinión do sector cara novos proxectos e solicitar a súa colaboración.

Anabel Gulías contou que por primeira vez na enquisa aos visitantes incluíuse o modelo de cidade como razón da escolla do destino turístico, e preto de 2.000 persoas –1.135 en xullo e 800 en agosto- o sinalaron como razón para vir. Este verán tamén se incluíron os premios de Pontevedra na web Visit Pontevedra

Apostar polo modelo urbano como reclamo turístico e por Pontevedra como cidade acolledora de eventos deportivos, culturais, de festas… serán eixos da promoción da cidade cara o futuro. “Pontevedra é máis que o casco histórico” subliña a concelleira de Promoción Económica que bota en falla que nas guías actuais só saia a referencia da zona monumental. “Non aparece a Illa da Esculturas, que somos unha cidade chea de vida…”

Récord de visitas guiadas

As visitas guiadas pola cidade bateron este verán un récord de participación. Aínda cos datos sen pechar, a principios do mes de agosto xa se superara o número de visitas do verán de 2014. Levábanse feitos 1.643 percorridos a primeiros de agosto.

Os participantes comentaron o seu asombro polo casco vello, máis grande e moito mellor conservado do que supoñían e tamén a grande animación nas rúas e prazas da cidade.