O Goberno Local traslada á Canicouva o seu proxecto dun parque periurbano na Fracha

152

O Goberno Local continuou esta tarde coa ronda de encontros coas comunidades de montes implicadas no futuro parque periurbano da Fracha. Nesta ocasión os concelleiros Demetrio Gómez e Raimundo González, coordinador do rural e responsábel da parroquia da Canicouva, respectivamente, mantiveron un encontro coa directiva da Comunidade de Montes da Canicouva para explicarlle cales son os obxectivos do Concello ao respecto da Fracha.

Ao igual que en Tomeza, os concelleiros solicitaron á directiva a cesión do uso do monte comunal da Canicouva na Fracha -a que ten maior superficie- para a creación du parque periurbano dunhas 300 hectáreas que pretenden ser aproveitadas para múltiples usos: deportivo, lecer, de natureza… Ao cambio desta cesión de uso, a Comunidade de Montes aproveitarase de todas as melloras que se relicen nestes terreos como a plantación de especies caducifolias e propias dos montes atlánticos.

Esta ronda de contactos continuará esta mesma semana cunha reunión coa Comunidade de Montes de Marcón, que se celebrará o este venres, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura da parroquia. O propósito do Goberno Local é que este parque sexa o máis participado posible, que a súa creación recolla as opinións e suxestións de todos os axentes implicados neste proxecto, comezando polas comunidades de montes.