O Concello e Sogama acordan liquidar anos de litixos co pago dunha débeda de 5 millóns

140

O Concello de Pontevedra vai dando pasos con Sogama para pechar un acordo que liquide varios anos de pleitos xudiciais polo cobro de facturas pola recollida dos residuos sólidos urbanos no concello. O portavoz do Goberno e concelleiro de Economía, Raimundo González explicou esta mañá que o acordo ecónomico xa está pechado, e están en negociacións outros aspectos do convenio que asinarán Concello e Sogama para regularizar os pagos deste servizo.

Segundo os datos achegados polo concelleiro, o acordo pasa polo pago de 5.051.063,53 euros (4.729.645,79 euros do denominado Principal, e 321.000 euros dos intereses do ano 2009).

O Concello xa está a tramitar unha modificación de crédito que consignará 2.686.736,54 euros para o primeiro pago correspondente aos anos 2009, 2010 e 2011, e que se efectivizará o vindeiro 30 de novembro. A cantidade restante pagarase en dous prazos máis.

Con esta operación, que o portavo do Goberno calificou de “bo acordo”, o Concello de Pontevedra aforra máis de 500.000 euros dos intereses dos anos dende 2010 a 2014, e asume o pago dos intereses do ano 2009 porque existe xa unha sentenza xudicial, en primeira instancia, que lle deu a razón a Sogama, aínda que o Concello tena recurrida no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Raimundo González explicou que este recurso ten “nulas posibilidades de prosperar en Coruña” porque o Tribunal Superior xa se ten manifestado a favor de Sogama en resolucións anteriores.

Raimundo González lembrou que durante todos estes anos sempre defendeu os intereses do Concello porque no contrato que Pontevedra tiña asinado con Sogama había cláusulas diferenciadas, “pero foi tumbado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, explicaba o concelleiro, quen lembra que “tamén tivemos éxitos durante todo este proceso”. De feito aludiu a unha sentenza de 2003 na que o Concello aforrou 400.000 euros; ou outra posterior na que o Concello conseguiu aforrar 2 millóns de euros “e estes cartos e todos os que aforramos defendendo a nosa cláusula de revisión, investímolos noutras cousas”.

O portavoz do Goberno tamén quixo lembrar que dende o Concello de Pontevedra tendéronse pontes con Sogama, en distintas ocasións, para tratar de chegar a un acordo sobre a débeda, pero nunca foi posíbel até o de agora.

A reupercusión deste acordo sobre a cidadanía será nula. É dicir, este pago non repercutirá no recibo do mes dos veciños de Pontevedra, xa que será asumido integramente polas arcas municipais. De feito, a repercusión orzamentaria sería cativa, dado que con este pago abonarase máis do 50% da débeda acudindo a remanente de Tesourería, e incrementando levemente a partida destinada ao pago da débeda de Sogama no orzamento de 2015.

Unha vez que se chegue a un acordo, neste incluirase a obriga de retirar todas as causas xudiciais abertas -de parte a parte-.

O concelleiro de Economía tamén aclarou que no marco do acordo que se negocia con Sogama non se quere hipotecar o futuro da planta de compost que está previsto instalar nos terreos da Canicouva. De feito, evitarase incluír no novo contrato unha cantidade mínima de recollida de residuos ao mes, dado que coa posta en marcha da planta de compost a recollida reducirase considerablemente, segundo as previsións.