Os escolares regresan ás aulas

151

A alcaldesa en funcións, Carmen da Silva e concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, achegáronse aos colexios de Marcón e Campolongo co gallo do comezo do curso escolar 2015- 2016 que devolve ás aulas a 8.200 nenos e nenas de Infantil e Primaria no municipio.

O Concello investiu 103.000 en obras para a posta a punto dos centros educativos, ademais de realizar traballos de limpeza e mantemento a cargo das brigadas municipais, sen custo engadido para as arcas locais. Unhas obras e actuacións de mantemento ás que hai que sumar os preto de 100.000 euros investidos na contorna do colexio de Marcón, un dos dous visitados por Da Silva e Gómez no día de hoxe. Aquí construíuse un novo aparcamento, comunicado co pavillón deportivo e o centro educativo por unha senda peonil, e fíxose unha reordenación de tráfico “todo pensado para que os nenos e as nenas podan andar seguros, entrar e saír do colexio con perfecta seguridade”.

Esta actuación na contorna do colexio de Marcón forma parte do núcleo de centralidade no que o Concello traballa na parroquia e está negociado e consensuado co Consello parroquial que fixo desta obra unha prioridade.

A alcaldesa en funcións e o concelleiro de Xuventude comprobaron a aceptación entre as nais e país, profesores e escolares da remodelación e uso que desde o primeiro momento se fai dos novos servizos: aparcamento e senda peonil. Tamén saudaron e compartiron un tempo cos alumnos e alumnas no seu regreso a rutina escolar. O mellor, o reencontro cos amigos; o peor, ter que pórse a estudar.

O Concello apura os últimos traballos de mantemento nos colexios da cidade, entre eles a reparación e restitución das fiestras da planta baixa do colexio de Campolongo, o investimento máis importante – 48.750,90 euros- dos feitos este verán para a posta a punta dos centros públicos. “As fiestras que quedan están na parte administrativa do colexio, non interfiren na actividade escolar”, subliña a alcaldesa en función, Carme da Silva quen agarda que os traballos rematen nunha ou dúas semanas. Cambiáronse fiestras tanto das aulas como de espazos comúns.

Carmen da Silva e Demetrio Gómez percorreron as instalacións educativas acompañados polo director, aproveitando que os rapaces estaban no recreo.

Ademais de en Campolongo, o Concello acometeu ou está a piques de rematar arranxos e traballos de mantemento noutros nove colexios do municipio cara ó curso 2015-2016. Trátase do CEIP A Xunqueira I (novo pavimento e pintado da Infantil e pintado dos vestiarios do pavillón), CEIP Vilaverde- Mourente (arranxo do peche e mantemento e mellora da seguridade do pavimento exterior), CEIP de Campañó (reforma da marquesiña do acceso principal), CEIP Froebel (tratamento contra termitas), EEI Fina Casalderrey (pintado interior), CEIP Álvarez Limeses (reparacións no parque infantil), CEIP Cabanas-salcedo (pintado interior), CEIP Santo André de Xeve (limpeza do acceso exterior) e gardería A Parda (traballos de mantemento).