A terceira edición da feira Expobeauty potencia o seu carácter internacional

100

A terceira edición do salón de perruquería e estética ‘Expobeauty’ e o congreso Galicia Look and Fashion potenciarán este ano o seu carácter internacional, contando coa presenza de importantes marcas de Portugal ou Italia e importadores de países como Francia ou Pakistán.

A cita será os vindeiros días 19, 20 e 21 de setembro, no Recinto Feiral de Pontevedra. Organizada por ADN Ges Pro SL, a Federación de Empresarios de Asociacións de Perruquería e Estética de Galicia, as asociacións provinciais de perruquería e estética e o Concello de Pontevedra, a feira aspira a superar os 7.000 visitantes profesionais nun espazo de máis de 5.000 m2 nos que se habilitarán máis de medio cento de stands. Trátase do único congreso profesional do sector en todo o Noroeste peninsular.

A estética cobrará especial importancia nesta edición, incrementando o número de stands e sendo a temática case exclusiva da xornada do sábado. Dende un sistema de depilación con caramelo ou a presentación da colección de maquillaxe Diego Da Lla Palma, a feira contará cun campionato de uñas, demostracións de decoración de uñas, tratamentos corporais con arxilas naturais, maquillaxes ou masaxe fisio-activa, entre outros.

O congreso ´Galicia Look and Fashion’ celebrarase integramente o domingo 20 e contará coa presenza de importantes personalidades do sector como Alberto Cerdán, coñecido como o estilista das celebrities con 40 anos de profesión, ou Consuelo Silveira, directora dunha das escolas líderes en estética, entre outros. Nos diferentes relatorios trataranse temas como a tricoloxía capilar, as últimas tendencias, a nova orientación da perruquería como negocio, madeiroterapia, vantaxes do láser de última xeración ou a evolución no diagnóstico da pel e os seus diferentes métodos.

O programa inclúe demostracións e shows en vivo, como os hair-shows ‘Z-ONE Concept’, a presentación mundial da nova colección de Diego Da Lla Palma, ou ‘Extensions Hollywood Celebrities Look’, con extensións de Kódigo 4. Tamén haberá desfiles de tendencias de peiteados para nenos e para homes, coa colaboración de ‘Barberías con encanto’. E celebrarase, por primeira vez, un campionato de barbeiros.

O salón pechará as súas portas o luns cunha xornada dedicada á formación. Celebrarase a Gala de Novas Promesas, na que participarán centros de formación de toda Galicia.

Durante os tres días, os profesionais gozarán de descontos de entre o 21% e o 50% en todos os produtos que adquiran na feira, unha medida tomada como protesta polo aumento do IVE no sector. Así mesmo, os visitantes poderán ver tamén un Museo de Perruquería que contará con curioso mobiliario vintage, sillóns restaurados e pezas moi curiosas.

O período de inscrición aínda está aberto. Os profesionais que desexen acudir poden solicitar máis información a través do correo electrónico info@galicialook.com.

Programa escenario Expobeauty

Programa Congreso Expobeauty

Programa Master Class Expobeauty