O Concello investirá 3,5 millóns en obras na recta final do ano

146

O Concello de Pontevedra ten previsto investir en obras, arredor de 3,5 millóns de euros, no que resta do 2015. Son actuacións destinadas á mellora da accesibilidade, a seguranza viaria e de mellora ou apertura de novos espazos públicos en distintos puntos da cidade. “Son investimentos que falan da elevada actividade municipal en proxección e execución proxectos e obras” subliña o concelleiro de Mobilidade, Luis Bará.

A construción da nova praza diante do Hospital Provincial, o acceso a Monte Porreiro por Os Campos, o arranxo das rúas Javier Puig e José Millás, a mellora da contorna de Pasarón, a reforma da contorna do hospital Montecelo, a instalación de medidas de calmado de tráfico en Médico Ballina, entre a farmacia de Lérez e a rotonda da avenida de Compostela, a mellora das proximidades dos centros de saúde e educativos de A Parda e Monte Porreiro son as obras cuxo inicio está previsto para as próximas semanas e meses. Ademais sairá a adxudicación dous contratos de servizos: un para a conservación e mantemento das vías urbanas, por valor de 126.000 euros e outro, por valor de 792.000 euros, para a renovación e conservación da sinalización horizontal e vertical para os próximos catro anos.Todas elas foron ditaminadas ou informadas na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos.

Luis Bará anunciou que as obras para a creación dunha nova praza de 1.200 metros cadrados diante do Hospital Provincial comezarán “nun par de semanas”. O seu plan de traballo estará coordinado có CHOP co fin de xerar as menores molestias aos enfermos e non interferir na actividade asistencial. A obra foi adxudicada á empresa Covsa por 335.429 euros e inclúe a rúa Casimiro Gómez na área a reformar.

O Provincial non é o único hospital que verá mudar a súa contorna. O Concello apura a redacción do proxecto de reforma para mellorar a seguranza viaria e accesibilidade diante de Montecelo. Neste caso contará coa colaboración da Deputación. O concelleiro de Mobilidade agarda que o proxecto estea rematado co mes. A institución provincial se ocupará da rotonda de acceso de Príncipe Felipe e o Concello da actuación fronte o centro hospitalario. Bará Torres está seguro de que a reforma contará coa aprobación da maioría dos usuarios de Montecelo “haberá lombos, si, mais tamén beirarrúas, se mellorará a accesibilidade…”.

Por outra banda dúas rúas próximas ó Provincial estarán presumiblemente en obras antes de que remate o ano ou no inicio do 2016: Javier Puig e José Millán. As actuacións saen a licitación por 275.000 e 437.328 euros.

A chegada do novo mes traerá o inicio das obras de reforma do acceso a Monte Porreiro por Os Campos, unha actuación adxudicada á empresa EC Casas e a implantación de medidas físicas de calmado de tráfico –lombos- na rúa Médico Ballina, no tramo que vai desde a farmacia de Lérez á rotonda da avenida de Compostela.

Por último, nas próximas semanas, o Concello acometerá unha serie de actuacións de mellora das contornas dos centros de saúde e educativos de A Parda e Monte Porreiro.