“… E din que chove!”, mañá no Teatro Principal dentro da programación de Cultura

140

O Teatro Principal acolle mañá, 17 de setembro, a partir das 20.30 horas a obra de teatro “… E din que chove!” de Avelaíña Teatro. Esta obra está incluída dentro da programación da Concellaría de Cultura do último trimestre do ano.

A obra dirixida por Antón Lamapereira é a segunda montaxe de Avelalíña Teatro, aborda o tema do mundo actual con textos de Alfonso Becerra, Manuel Ayán, Octavio Paz, Pablo Neruda e Vanesa Sotelo. Presenta cadros sintomáticos de patoloxías graves que está a padecer a sociedade dirixida polo credo neoliberal, co poder financieiro ao temón.

Tenta provocar a reflexión lúdica sobre a ansiedade coa que os valores se polarizan na monetarización da vida, as estratexias do furto legal, os contubernios para o pelotazo, a xestión politico-económica como xogo de bazas nos dedos de trileiros, a asimilación dos sindicatos, o drama da mocidade, a cidadanía paralizada polo temor, que se agocha na tristura e no lamento para non irritar o instinto asasino que circula polas arterias do sistema…

A perspectiva do cadaleito baleiro, que preside o escenario da vida e agarda paciente o seu momento, saca a luz o absurdo da amargura innecesaria na que se remexe a efémera existencia.

 

Bo día, Gabinete de Comunicación