Comuneiros, veciños e asociacións fan suxestións de uso para o parque forestal da Fracha

117

Foran convocados para coñecer a proposta de parque forestal periurbano da Fracha e facer suxestións. É as fixeron. A asamblea celebrada onte á noite na Casa da Cultura de Marcón deixou claro que a proposta do Concello interesa.

Comuneiros das parroquias pontevedresas de Marcón, Tomeza e Canicouva, pero tamén do veciño Concello de Ponte Caldelas e Vilaboa compartiron reunión con representantes de clubs deportivos, de pequenas empresas forestais, e de asociacións veciñais, de colectivos que traballan a prol da natureza e medio ambiente.

Ao fronte da sesión, o alcalde Miguel Fernández Lores, o concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez e José Antonio Ferreira, membro do equipo redactor do proxecto que bota a andar coa vontade de ser o máis participativo posíbel. A fase de recollida de datos, propostas e suxestións, de seis meses, está en marcha. A asamblea de Marcón, como as anteriores de Tomeza e Canicouva son parte deste afán participativo.

O anteproxecto bosquexado fala dun parque de arredor de 300 hectáreas de monte propiedade de tres comunidades de montes (Marcón, Tomeza e Canicouva), cuxo perímetro podería reaxustarse no que, por unha banda, se faría un traballo de coidado forestal, na senda da experiencia Monte Vivo, e por outra se lle daría variados usos de lecer (avistamento de aves, senderismo, rutas ciclistas, puntos de contemplación paixasística…). Os apreveitamentos do monte serían para os propietarios, é dicir para os comuneiros.

Delimitar dun xeito claro os usos e aproveitamentos do parque forestal (monte) e as condicións da apertura da propiedade é a principal esixencia dos comuneiros que subliñan que o monte é comunal, non de todos.

Á hora de facer suxestións na asamblea escoitáronse múltiples propostas: pór en valor o patrimonio arqueolóxico, o paisaxístico e natural; crear un aula da natureza e un campo de traballo; definir roteiros ciclistas de distintas categorías deportivas e de senderismo; habilitar espazos de lecer e tamén un área recreativa infantil…

O equipo redactor tomará boa nota de todo e valorará todas as ideas. A porta á participación queda aberta a través do web Pontevedra.gal/participa.