O Goberno proxecta investir 60 millóns no mandato para afondar no modelo de cidade

428

O Goberno Local de Pontevedra acaba de presentar o plan Horizonte 2020 de investimentos para o presente mandato cifrados polo concelleiro de Economía en uns 60 millóns de euros. Trátase dun plan ambicioso que ten como obxectivo afondar no desenvolvemento do modelo urbano “e é factiblee pois contempla os que recursos que hai”, explicou o concelleir, quen asegurou que “sendo conservadores, no sentido económico, é posible dispór de 12 millóns o ano para investimentos”.

O plan desenvolverase en varios capítulos: Mobilidade e accesibilidade; mobilidade nas parroquias; infraestruturas deportivas; ciclo da auga; recuperación ambiental e etnográfica; equipamento sociocultural.

Segundo Raimundo González, o ámbito da Mobilidade e da accesibilidade o investimento é de 15 millóns de euros con obras como a reforma urbana de Loureiro Crespo, a mellora do Camiño Portugués, ou o acceso a Monte Porreiro. Na mobilidade nas parroquias, terá unha contía de 12.5 millóns de euros, especialmente para a creación dos núcleos de centralidade parroquial.

Nas infraestruturas deportivas, cun investimento de 12 millóns, está contemplado o novo pavillón deportivo ou a creación de campo de herba sintética.

Para o Ciclo da Auga serán 6 millóns de euros “catro para novos treitos de saneamento do rural e dous para a rede de abastecemento de auga. O concelleiro de Economía manifestou que “non está contemplado no investimento, por non ser firme, o terceiro convenio de saneamento coa Xunta”.

No capítulo de recuperación ambiental e etnográfica está previsto un investimento de 7,5 millóns de euros para proxectos como parque forestal da Fracha (1,6 millóns e outros similares) (o Concello contempla até tres para os vindeiros anos), 0, 7 millóns máis para acondicionar a parcela de Mollavao, unha vez que se aclare a situación de titularidade da parcela.

No capítulo de equipamento sociocultural está previsto un investimento de 2,5 millóns de euros para completar casas da Cultura como a do Burgo ou acondicionar a antiga escola infantil dos Campos, en Mourente.

Outro dos capítulos é a mellora dos servizos públicos cunha partida duns 4 millóns de euros, destinada a garantir o correcto funcionamento dos servizos municipais: dotación informática, maquinaria propia, vehículos…

Raimundo González explicou que “agardamos a colaboración da Xunta para acometer actuacións faladas como o Centro Deportivo da Parda ou dentro das infraestruturas de Mobilidade, a variante de Alba ou o terceiro convenio de saneamento”.

Esta mesma colaboración tamén se espera acadar co Ministerio de Fomento “en proxectos como a urbanización da estrada de Ourense ou completar o paseo peonil litoral entre Pontevedra e Marín”.

Segundo as estimacións municipais o Concello poderá dispor nestes anos 47,5 millóns de euros, e a achega da Deputación estará nos 12 millóns de euros.

O concelleiro de Economía indicou que “é a primeira vez que se fai unha planificación do mandato de todos as liñas de investimento”, e irase concretando paseniñamente nos vindeiros catro anos. Asegurou que son “uns investimentos realistas, non é unha folla de ruta de todo o que queremos facer no mandato”.

PLAN HORIZONTE 2020

Raimundo González Carballo: