Os traballadores de Ence terán a palabra no Pleno municipal

141

Os traballadores de Ence terán a palabra no próximo Pleno municipal, o 22 de setembro, para explicar ás razóns que, para eles, xustifican a permanencia da empresa en Lourizán.

O alcalde Miguel Fernández Lores falou cos secretarios comarcais dos sindicatos que ostentan a presidencia dos comités de empresa das oficinas e da fábrica de Ence-Pontevedra, José Luis García Pedrosa (CC.OO) e Ramón Vidal (UGT) para comunicarlles a oferta e consensuar a intervención na sesión plenaria.

A proposta é que os presidentes dos comités: Ana Cedeira (de Oficinas) e Pedro Soto (fábrica) interveñan durante 15 minutos, xusto antes do debate político sobre a proposta que fará a Alcaldía e as mocións do PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra sobre o futuro de Ence. Neses quince minutos poderán falar os dous portavoces dos traballadores ou un deles, como elixan.

O alcalde agarda a resposta dos dirixentes sindicais -que se comprometeron a dar- para organizar o pleno.

Por outra banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, recibirá o próximo mércores, 23 de setembro ao comité de empresa de Elnosa, a planta de cloro que ocupa terreos de dominio público en Lourizán xunto a Ence.