O Faiponting abrevia este ano o seu programa e contará co espectáculo “Atlántica”

180

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, presentou esta mañá o programa Faiponting Danza, unha versión abreviada o programa habitual, que terá lugar os días 3 e 4 de outubro no Pazo da Cultura e Illa do Covo, como ven sendo habitual.

O recén estreado espectáculo “Atántica” coproducido polo Centro Coreográfico Galego e o Ballet Norte e o cuarteto feminino de arpa e voz “Lulavai” co seu traballo “Lémbrame un soño”, serán as actividades escollidas para unha programación na que a danza é a protagonista.

Tal e como comentou a concelleira, os cambios na celebración do Surfing the Lérez, cancelado no mes de xuño por mor da climatoloxía, e que terá lugar esta fin de semana “ainda que o público non sexa exactamente o mesmo, coidamos que dúas fins de semana seguidas de actividade podían saturar e decidimos abreviar o programa que voltará á normalidade na vindeira edición.

SABADO 3 OUTUBRO ÁS 21H. “ATLÁNTICA”

A compañía coruñesa Ballet Norte, en coprodución co Centro Coreográfico Galego (CDG), presentou o pasado venres no Teatro Colón con excelente acollida de público espectáculo ‘Atlántica’, o primeiro como coreógrafo de Juan Miguel Hernández que ven colaborando co Pazo hai anos en diferentes performance, faiponting et.

‘Atlántica’ é unha proposta neoclásica inspirada na cultura gallega, un tránsito entre os Séculos Escuros e o Rexurdimento que toma como referencia aos poetas Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal etc e ten coma punto de partida un texto de Manuel Murguía: “La mujer de fuego”.

A través dunha visión contemporánea, a obra busca facer partícipes aos espectadores/as da soidades, temores, amores e desamores.

Ismael Berdei compuxo a música orixinal, en colaboración co coreógrafo e os/as dez intérpretes: Silvana Sestelo, Yolanda Pérez, Ailén Ramos, Rosalía Vázquez, Noemi Trincado, Paula Ripoll, Miguel Ángel Ponte, Dayro Valdés, Iago Alonso e Fernando Piñeiro.

As entradas para o espectáculo de Faiponting Danza, que terá lugar o sábado 3 de outubro ás 21h no Auditorio do Pazo, están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo de 5 € (gastos de tramitación incluídos) ou 3€ para estudantes, parados e xubilados.

DOMINGO 4 OUTUBRO ÁS 17:30 – ILLA DO COVO (Escultura A Casiña) – LULAVAI “LÉMBRAME UN SOÑO” + Centro Coreográfico Galego.

Catro mulleres: Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz. Elas forman este insólito cuarteto, onde o protagonismo das arpas celtas e o doce son das súas voces, dan vida a unha formación única, chamado Lulavai.

Coñécense en 2005, mentres formaban parte da orquestra folc, Sondeseu, baixo a dirección do ex harpista e compoñente de Milladoiro, Rodrigo Romaní e en 2008, deciden emprender éste novo proxecto musical onde 4 arpas e 4 catro voces se mesturan para tocar cun son moi orixinal, temas tradicionais galegos e de propia composición.

Lanzan o seu primeiro álbum en 2010, que leva por título “CorDasVerbas”, editado pola Sul Producciones, e presentan en multitude de escenarios, desde Galicia ao País Vasco, Segovia, Portugal ou Francia, participando en festivais como o Lorient, FolkSegovia, Oito Manos, Folkez Blaiz ou o Arcu Atlánticu de Xixón entre outros.

“Lémbrame un soño” é o seu segundo traballo, publicado en decembro de 2014. Evoca no seu título a canción do famoso cantante portugués Fausto e reflicte perfectamente a atmosfera acadada neste CD. A peza que abre o álbum, “Meniña de Auga”, resulta finalista na categoría de mellor canción orixinal no XIV Premios de Música de Raíz de La Opinion en 2015.

Temas de propia composición, sen perder o punto de referencia da a música tradicional galega, e pinceladas de músicas do mundo, clásica, jazz, dan forma a este traballo de evocativos e orixinais sons.

O domingo 4 de outubro estarán na Illa do Covo, onde a escultura de A casiña para deleitarnos coa súa música ao tempo que algúns compoñentes do ballet do CCG interpretarán algunhas das súas pezas.Entrada libre.