Lores apela a “responsabilidade colectiva” para esixir o traslado de Elnosa

153

A reunión non deparou sorpresas. O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, insistiu ante o comité de empresa de Elnosa que o obxectivo do seu goberno é a recuperación dos terreos da concesión industrial de Lourizán e da ría de Pontevedra e polo tanto mantén a súa postura contraria á continuidade da clorera na actual localización.

Os representantes dos traballadores, pola súa banda, advertiron que van a defender os seus postos de traballo “pese a quen pese” , unha reivindicación que os levou a solicitar unha ronda de contactos institucionais para explicar ás razóns que lles leva a esixir a permanencia da actividade en Lourizán. “Sabiamos que íamos a saír da reunión igual que entramos, pero queremos falar con todo o mundo” apuntou o presidente do comité, Avelino García quen enmarcou a reunión co alcalde nesta ronda oficial.

“A nivel persoal podo entender a defensa dos postos de traballo pero eu teño unha responsabilidade colectiva” subliñou o alcalde Miguel Fernández Lores quen lembra que con posicións que defendeu públicamente ( traslado de Ence e Elnosa e saída da ría no 2018)) acudiu ás eleccións, unha opción que conta co apoio dunha grande maioría social.

Recoñece o alcalde que a reunión co comité de Elnosa “dentro da tensión foi respetuosa”. “Para nós o traslado de Elnosa é factible”, maxime canda ten a obriga de facer o cambio de tecnoloxía e abandonar o uso do mercurio no súa producción.

Quen non ven factible o traslado son os traballadores que fan súas as explicacións de CUF-Quimigal, a multinacional propietaria da planta de cloro de Lourizán. “Non estamos dispostos a que pechen a empresa” indicou Avelino García. Para o presidente do comité de Elnosa o pacto de traslado firmado coa Xunta hai catro anos é papel mollado, o escenario hoxe e outro: poderían permanecer en Lourizán ao amparo da Lei de Costas e polo tanto facer o cambio tecnolóxico na actual ubicación.