Pontevedra réndese a Gómez Noya, o seu pentacampión mundial de triatlón

151

“Estou moi contento de facer historia neste deporte e de acadar o que ninguén conseguira antes, o quinto título mundial de triatlón” e “agradecido” pola recepción oficial, e aberta a todos os cidadáns, do Concello no Pazo de Mugartegui “que unha vez máis amosa que se me valora nesta cidade, que está detrás do triatlón, detrás da miña persoa e detrás dos meus éxitos”. O pentacampión mundial de triatlón, Javi Gómez Noya, celebrou cos veciños e veciñas de Pontevedra – e arroupado por amigos, triatletas deportistas- o seu quinto título e fixo a ledicia dos moitos nenos e nenas, e non tan nenos, que lle pedían autógrafos e fotos. Para todos tivo tempo e un sorriso.

Gómez Noya recoñecía que o 2015 “foi un ano espectacular” máis xa está pensando nos retos que ten por diante no ano 2016 ,”nos Xogos Olímpicos e outras citas importantes que terei e nas que agardo acadar bos resultados”. Tamén expresou un desexo “que se faga outra recepción aquí para celebrar e compartir novos éxitos”.

Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, o pentacampión de triatlón Gómez Noya “é un referente” no mundo que amosa que “en Pontevedra se pode adestrar un atleta de elite, que Pontevedra e Galiza pode competir no máximo nivel e ademais é para os nenos e nenas e para todos un exemplo de superación e valentía”.