“Venres golfos” novidade da terceira edición de Ponteatro que comeza en outubro

138

 

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, presentou esta mañá a 3ª edición do ciclo teatral Ponteatro que este ano estará conformado por 8 espectáculos. 6 terán lugar os xoves, en horario de 21h. e dous, novidosos e baixo o nome de “venres golfos” ás 23:59 horas.

Un programa completo con compañías galegas como protagonistas, no que están representados todos os xéneros, e que terán como escenario o Teatro Principal “prentende facer as delicias do esixente público pontevedrés que leva anos respondendo moi ben a este ciclo e coma sempre, incorporar novos públicos a través das representacións concertadas con escolares e a iniciativa dos venres golfos, que tentará involucrar tamén á hostelería”, segundo comentou a concelleira.

A prezos máis que asequibles, pódense mercar as entradas dende hoxe mesmo en Ataquilla, ben para cada espectáculo cun custo de 8€ (4€ para estudantes, parados e xubilados) ou en forma de abono para o ciclo completo, a un prezo de 48€ e 32 para estudantes, parados e xubilados. De non esgotarse, estarán á venda 1h antes de cada espectáculo na billeteira do Teatro.

Durante o mes de outubro, serán os xoves 8 e 22, e a primeira sesión golfa o venres 23. No mes de novembro as datas serán o 5, 10 e o 20, venres golfo. E para rematar, no mes de decembro serán o 10 e o 17.

Ademais, e como ven sendo habitual os escolares de secundaria e bacharelato poderán gozar en sesión concertada de tres dos 8 espectáculos, que terán lugar ás 11:30 da mañá do día da representación. Serán Perplexo, Bobas & Galegas e O principio de Arquímides (22 outubro, 5 e 19 novembro)

  1. Presidente de Teatro do Morcego – 8 de outubro ás 21.00h. (90 min)

En plena campaña electoral, coas enquisas vaticinando a derrota do seu partido, o Presidente do goberno e os seus asesores deciden tomar unha iniciativa desesperada: visitar persoalmente ós votantes nas súas casas para convencelos de que o voten.

Unha familia humilde en situación crítica cos seus membros en paro, unha familia ultraconservadora preocupada pola perda dos valores tradicionais, ou unha familia monoparental antisistema escoitarán de súpeto como soa o timbre da súa porta e diante deles aparece o Presidente disposto a convencelos de que a súa opción é a mellor…

Cunha duración de 90 minutos e dirixida por José Prieto, a comedia conta no seu reparto con Federico Pérez, Mercedes Castro, César Goldi, Iolanda Muiños e Celso Parada no papel protagonista.

  1. Perplexo de Ilmaquinario Teatro – 22 de outubro ás 21.00 h (85min)

Perplexo, dirixida por Tito Asorey e inspirada nun texto de Marius Von Mayenburg, é unha peza que fala dun xeito extremadamente cómico de temas esenciais para o ser humano, nun xogo teatral onde se dan cita referentes como Pirandello, Woody Allen, Beckett, Ionesco e ata os Monty Python. Premio María Casares ao Mellor Espectáculo 2015.

Laura e Fernando volven a casa despois das vacacións, mais ao pouco de entrar perciben nela pequenos pero estraños cambios: unha nova planta aparece na cociña, o seu gato non está por ningures e a luz está cortada por falta de pago,etc. Uns amigos da parella, Fran e Mela, quedaron ao coidado das cousas na súa ausencia pero semella que eles son os verdadeiros e lexítimos propietarios da vivenda. A perplexidade de Laura e Fernando ante a nova situación transfórmase en aceptación, rematando por retirarse da vivenda… de quen é realmente a casa? Quen son realmente eles? Tiveron algunha vez un gato?

Con 85 minutos de duración, conta no seu reparto con Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez.

  1. Bobas e galegas de Mofa e Befa – 5 de novembro ás 21.00H (85 min)

BOBAS&GALEGAS é un percorrido gozoso polos argumentos, ocupacións, preocupacións e industrias dos criados do século de Ouro, clase social que, de todos os traballadores manuais, foi a que contemplou dende máis cerca o poder, o seu ouropel, a súa erótica e a súa vanidade.

MOFA&BEFA cáense con todo o seu instrumental de paiasos nocturnos nun camiño solitario do século XVII castelán. Servindo a un tópico equivalente ao da aptitude natural dos negros para a danza, o galego demostra un talento natural para a obediencia e o servizo. Isto , que o faría idóneo para a práctica das armas, está benéficamente atenuado pola covardía, virtude que o empuxa ao máis incruento campo do servilismo e a curvatura lumbar.

Con Mofa e Befa como protagonistas (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira), a comedia foi escrita e dirixida por Quico Cadaval, que se inspirou en textos de Calderón, Lope, Benavente e Zamora.

  1. O principio de Arquímides de Teatro do Altántico – 19 de novembro ás 21.00 h

Con texto de Josep María Miró y Coromina e dirixida por Xúlio Lago fala do medo, da sospeita, a violencia e como un sentimento vai mudando no outro ante a dúbida de que algúen lle faga algo aos nosos fillos: Os pais duns rapaces que asisten a uns cursos de natación infantil preséntanlle á directora do centro as queixas sobre o inadecuado comportamento dun monitor, quen tratando de tranquilizar a un cativo, abrazouno e deulle un bico.

O adestrador explica que o único que fixo foi intentar calmar a angustia do rapaz e axudalo a tranquilizarse, pero os pais non aceptan esa versión dos feitos e o conflito, lonxe de resolverse, non para de medrar.

Con 90 minutos de duración, conta no reparto con Ana María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Vieitez.

  1. Noiteboa de Redrum Teatro – 10 de decembro ás 21.00h (75min.)

Escrita por Borja F. Caamaño e Álex Sampayo e, dirixida por este múltimo chega esta traxicomedia, estreada hai unha semana, que conta no seu reparto con Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carbajo.

Chega o Nadal a Compostela e con el os agasallos, as panxoliñas, as ceas en familia e o xa tradicional rapto do Neno Xesús da Praza do Obradoiro.

Ninguén debería cear só en Noiteboa e por iso Mariví fará todo o posible para que durante unhas horas, Arturo, Nico e máis ela sexan unha familia de verdade.

  1. WALTZ de Voadora – 17 de decembro ás 21.00h

Un musical de Voadora sobre o amor. Unha pequena ópera portátil para teatro dirixida por Marta Pazos e que conta tamén coa sua figura sobre o escenario, acompañada por Hugo Torres e José Díaz que se encargaron da música orixinal da representación.

En WALTZ a vida é un salón de baile onde imos cambiando de parella: hainas que che pisan os pés, outras che agarran forte pola cintura, a algunhas lles súan as mans e con outras bailarías toda a eternidade.

Duración aproximada 60 minutos.

VENRES GOLFOS

  1. Psicópata de Antón Coucheiro – 23 de outubro ás 23.59h (70min.)

Germán Serra é un verdadeiro monstro. Coñecido coma o Artista do Cúter, deixou tras de sí un regueiro de asasinatos e pezas de arte con cadáveres que o fixeron famoso. Despois de dez anos en prisión, accedeu a realizar unha serie de performances organizadas por Institucións Penitenciarias para reducir a súa condena. Leva unha década sen matar, pero hoxe pode ser diferente…

Psicópata é unha comedia negra sobre a falta de empatía, sobre o ascenso ao poder dos que non teñen escrúpulos e sobre o propio lado escuro que todos levamos dentro.

  1. STRPTS de Cinema Sticado – 20 novembro ás 23.59h (60min.)

Empregando a técnica de cinema en vivo, sen material audiovisual pregravado, gozaremos dun mundo de intriga, corrupción, asasinatos e unha fuxida inesperada.

Cinema Sticado pon en escena un universo en miniatura feito de cartón reciclado paracontar cunha estética particular unha historia de intriga creada en vivo e en directo e retransmitida ‘in situ’ en tempo real nunha gran pantalla

Termos como live-cinema, performance, poesía visual, monicreques, animación en vivo, teatro de sombras ou camera-live axudan a definir un plantexamento escénico onde a narrativacomparte foco de atención coa propia creación en vivo sen esconder a importancia do dispositivotécnico como factor catalizador da propia experiencia.